Xi consolida o seu poder ao se colocar á altura de Mao e Deng na constitución do PCCH

Xi consolida o seu poder ao se colocar á altura de Mao e Deng na constitución do PCCH
Novo politburo do PCCH.
Novo politburo do PCCH.  

Conclúe o 19 congreso do Partido Comunista de China e faino cunha clara demostración de forza do seu líder, Xi Jinping, quen até podería prolongar o seu mandato como presidente da República alén do limite actualmente marcado na Constitución (dous períodos de cinco anos)


Marxismo-Leninismo. Pensamento de Mao Zedong. A teoría de Deng Xiaoping (a introdución de mecanismos de mercado no seo dunha economía de base socialista con predominio da empresa pública). E agora "o pensamento de Xi Jinping sobre o socialismo con características chinesas para unha nova era". O máximo dirixente do PCCH ve como a súa filosofía de como pilotar o difícil convivio entre a planificación estatal e a economía de mercado se incorpora á Constitución do Partido Comunista, a institución central do sistema político chinés.

Xi consegue unha cimeira nunca alcanzada polos seus predecesores, Hu Jintao e Zang Jemin, e aparecerá na Constitución do PCCH á altura de Mao e Deng, mesmo por cima deste ao ser o seu pensamento -e non a súa obra- o que se incorpora aos estatutos da formación.

Nos últimos meses, Xi solidificou a súa alianza cos sectores maoístas do partido ao postular unha re-emerxencia do marxismo en China. Nada debe discutir a hexemonía politica do PCCH, de igual maneira que no terreno económico o mercado debe continuar a estar ferreñamente controlado polas institucións estatais. Máis que privatizar empresas, sob o mandato de XI o que se fixo foi redimensionalas e concentralas, mais os sectores estratéxicos da economía continúan a ser públicos.

O Congreso do PCCH revalidou estas políticas e tamén a aposta de Xi en xogar un papel protagónico no cenario xeopolítico mundial. A análise da formación comunista chinesa é que a República Popular ten perante si unha conxuntura óptima para contrapor o seu modelo de globalización -e a súa aposta por intensificar as relacións comerciais o resto do planeta- face o deseño supremacista e miltarista dos EUA. Ese modelo de globalización alternativo é o que académicos chineses mostraron recentemente en Compostela nunha xornada organizada polo IGADI e a Academia Chinesa de Marxismo.

Mais Xi non só consegue unha vitoria ideolóxica, senón que tamén reforza as súas posicións na estrutura orgánica do PCCh, até o ponto de que no politburó eleito neste Congreso non figura ningún dirixente que o poida suceder, ao teren todos os seus integrantes unha idade que os deixará fóra de toda opción á sucesión no momento en que Xi conclúa o seu segundo mandato (2022). Este facto alimenta a hiipótese de Xi estar a planificar unha modificación constitucional que lle permita a el continuar no poder no mínimo até 2027, cando faría 74 anos.