A DEREITA ATINXIRÍA O 50% DO VOTO

O xornal 'El Mundo' afirma que Ciudadanos será o partido máis votado

O xornal 'El Mundo' afirma que Ciudadanos será o partido máis votado
Albert Rivera na Coruña. Foto: Ciudadanos.
Albert Rivera na Coruña. Foto: Ciudadanos.  

Un dos emblemas da prensa conservadora madrileña, El Mundo, publica este domingo unha enquisa en que afirma que Ciudadanos sería o partido máis votado nunhas eleccións ao Congreso. Tres puntos por riba do PP, entre as dúas forzas da dereita atinxirían o 50% do voto.
 


A sondaxe, realizada por Sigma Dos, sitúa Ciudadanos no 26,7% do voto e o PP no 23,3%. Segundo estes datos, o espectacular, meteórico ascenso da organización de Albert Rivera non terías moitos precedentes na historia electoral española: dobra os sufraxios obtidos en xuño de 2016. Mentres, Mariano Rajoy conduce os populares ao precipicio. Baixarían 10 puntos.

Na outra metade do espectro, PSOE e Unidos Podemos obterían o 38% do voto. O PSOE, co 19,7%, cae tres puntos respecto ás eleccións que deron o goberno a Rajoy e sete respecto da anterior enquisa de Sigma Dos, en outubro do pasado ano -canda o referendo catalán. Unidos Podemos segue tamén por baixo dos apoios de 2016 -21,1%-, mais recupera tres puntos respecto a outubro e situaríase no 18,4%.

O resto, arredor dun 10%, quedaría para Esquerra Republicana, que pasaría do 2,6% ao 3,3; para o PDeCat, do 2,0% ao 1,3% e mais para o PNV, estábel no 1,2% dos votos.

A enquisa de El Mundo coincide con outras publicadas recentemente polo diario El País -cuxa liña editorial é cada vez máis próxima a Ciudadanos- en situar a forza de Rivera como partido máis votado en caso de que houbese eleccións xerais. O CIS tamén vén rexistrando a suba, mais é menos efusivo ao respecto.