Morre Margaret Thatcher, a man de ferro que liderou a contrarrevolución conservadora

Morre Margaret Thatcher, a man de ferro que liderou a contrarrevolución conservadora

Non haberá bágoas en Soweto nin en Belfast nin no que fique dos barrios operarios de Inglaterra: Morreu Margaret Thatcher. Finou aos 87 anos. A que fora durante once anos (1979-1990) primeira ministra británica sentou na década dos oitenta con Ronald Reagan as bases políticas da versión máis agresiva da dereita.


Finou aos 87 anos Margaret Thatcher, primeira ministra de Reino Unido de 1979 a 1990. Admirada e amada polos conservadores británicos, (e non só polos británicos) usou a man de ferro (sen luva de seda) contra sindicatos, o nacionalismo irlandés ou as conquistas da clase traballadora, entre outros. Fraguou unha alianza firme con Ronald Reagan (presidente dos EUA) para facer fronte non só ao comunismo , senón ás conquistas plasmadas no modelo de benestar.

Entre ambos os dous camiñaron da man na década dos oitenta polos vieiros polos que iría devindo posteriormente a dereita dos diferentes estados occidentais: liberalización total no económico (desaparición do sector público, privatizacións de servizos, desmantelamento do modelo de benestar, estigmatización da probreza...) e conservadurismo, cando non reaccionarismo, no social .

O público non ten razón de ser

Thatcher chegara a afirmar que “a sociedade non existe” para defender que 'o común', 'o público', non tiña razón de ser. No económico, impulsou unha política de privatización de empresas públicas e flexibilización do mercado laboral, ao tempo que aprobaba normas para reducir a marxe de manobra dos sindicatos. Recortou impostos directos e incrementou os indirectos.

Afrontou con man de ferro a vaga de folgas dos mineiros ingleses e escoceses, negándose a negociar con eles e optando por lles enviar antidisturbios como toda resposta. Gañoulles o pulso, mais o Partido Conservador aínda hoxe segue a ser residual en Escocia e nas zonas inglesas do norte.

Balón de osíxeno para a Suráfrica racista, balas para a Irlanda nacionalista

No político, tamén optou pola opción estritamente militar en Irlanda do Norte, onde a guerra suxa contra o movemento republicano (nomeadamente co IRA) atinxiu o seu punto máis alto. A folga da prisión de Maze, con 11 presos independentistas do IRA e INLA falecidos en folga de fame, fixo que para os irlandeses do Ulster Tatcher fose xa para sempre 'The Bastard'.

A Guerra de Malvinas contra Arxentina aumentou a súa popularidade. Popularidade que non decaeu, malia adoptar unha decisión como a de non secundar o boicote internacional a Suráfrica polo réxime de apartheid. Thatcher foi, con Reagan en EUA e Israel, os apoios internacionais da Suráfrica racista, se ben ela afirmara que estaba en contra do apartheid. Mais mantivo relacións con ese país, convidaba ao presidente Botha a Londres e cargaba contra as organizacións de defensa dos dereitos [email protected] [email protected] Thatcher chegou a cualificar ao Congreso Nacional Africano (de Nelson Mandela) como “típica organización terrorista”.