Pemón Bouzas: "O que me traian os reis magos vai ser marabilloso"

Pemón Bouzas: "O que me traian os reis magos vai ser marabilloso"
Pemón Bouzas
Pemón Bouzas  SG
Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar “A estrela de Oriente” (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.

Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! 

Trátase do mito máis importante na infancia. está moi documentado?

Hai poucos datos, mesmo agora o papa dixo que eran andaluces. Tradicionalmente enténdese que son tres personaxes de tres civilizacións diferentes. A través da pintura no Renacemento Italiano temos repetidas imaxes dos tres Reis facendo as súas ofrendas ao neno Xesús. Cada un parte dun lugar do mundo e vostede fai saír un deles... do monte pindo! E por que non? Remítome a un espazo singular da cultura dos pobos celtas e isto constrúese como unha reunión de druídas. O Monte Pindo é o Olimpo dos deuses celtas, acaído para que un deles parta de aí.

...para o que presenta como unha viaxe de encontro de culturas.
Prodúcese, de feito, unha reunión de tres civilizacións, con respecto para cada unha das culturas, das linguas e das diferenzas. Ese diálogo é unha lección para todos os tempos.

Cando comezan a facer agasallos á cativada?
Na Idade Media, aínda que os datos están algo escurecidos. A tradición nace de que os tres reis levaban agasallos ao neno Xesús. Malia iso, en Italia, Francia
ou Europa central, segue habendo outras personaxes que achegan agasallos. Santa Claus, San Nicolás...

Competencia non falta nas festas. Que me di do Apalpador?
Existiron sempre figuras similares en case todas as culturas. As grandes personaxes son, no entanto, os Reis Magos a pesar de que a globalización introduciu a Papá Noel con forza.

En Portugal hai tempo que o día 6 de xaneiro non é feriado. Están en perigo de desaparecer?
Neste momento non poño a man no lume porque non se manteña nada. A pesar diso, en época de crise con perda de valores pode ser que se promova o refuxio nunha certa espiritualidade e iso vén da man dos Reis Magos.

Lembra algún xoguete especial que lle trouxesen os magos?
Sempre son nenos os que me fan esa pregunta! Lembro, por inesperada, unha maqueta dun tren eléctrico que para min foi particularmente especial. Tiven tamén outro agasallo cando tiña catorce anos moi curioso, con que quedei encantado e aínda algunha vez utilizo. Un cinto de coiro!

Agora ás crianzas todo o mundo lle comenta que a carta ten que ser curta porque estamos en crise e os reis magos teñen moito que atender. Como ve vostede isto?
En certa medida é bo que se dean conta de que as cousas teñen valor e aos Reis cústalles moito gañalas. Até hai pouco os nenos vivían nunha burbulla desde a que conseguían todo o que pedían e a crise tamén mudou isto. No conto retrátase a catástrofe nunha aldea, co cal non só hai ilusión senón tamén está reflectida a dureza da vida.

Que lle pide vostede aos reis?
Que non vaiamos a peor. A nivel material, o que me traian vai ser marabilloso porque os meus Reis tamén o son.

Antes nas cartas non se pedía só para un propio senón tamén para toda a contorna. Que lle pide para “eirado”?
Que dure. Para que un programa como este se prolongue no tempo é fundamental tamén que teña futuro a cultura galega e, por iso, temos que a apoiar entre todos. En tempo de bonanza eu non era partidario das subvencións e optaba máis polo modelo de mecenado, mais agora considero que nun momento como este é necesario apoio público e privado