A banda deseñada sobre Bóveda presentarase este mes

A banda deseñada sobre Bóveda presentarase este mes
Alexandre Bóveda en banda Deseñada
Alexandre Bóveda en banda Deseñada  SG
O proxecto leva varios meses en marcha e aínda continúa activo na plataforma de crowdfunding Verkami. Presentarase en Pontevedra e na Coruña.


Hai iniciativas que xorden da casualidade e a realización dunha banda deseñada que explique a vida de Alexandre Bóveda en 46 páxinas é unha delas. “Foi o ano pasado, despois de asistir por primeira vez aos actos do Día da Galiza Mártir en Poio e Pontevedra”. Pitusa Árias e historiadora e locutora de radio, unha persoa con iniciativa que transmite interese por todo aquelo que lle atrae. “Pensei que era un personaxe non moi coñecido por determinado público, lector de banda deseñada, e dunha grande actualidade posto que foi un dos creadores da Caixa de Aforros de Pontevedra”. Daquela falou cun amigo seu debuxante, Carlos Sardiña, co que xa realizara un libro semellante sobre a obra de Andrés de Barallobre. “Algo sinxelo, en branco e negro, non como este de Bóveda que se presentará este mesmo mes”.

“Aproveitei a miña experiencia radiofónica para sintetizar todos os datos biográficos a través do fío condutor dunha nai e o seu fillo”

Patrocinio en Verkami

Unha vez coa idea Pitusa Árias comezou o proceso de guionización. “Aproveitei a miña experiencia radiofónica para sintetizar todos os datos biográficos a través do fío condutor dunha nai e o seu fillo”. Nesta historia os debuxos de Carlos sardiña cobran personalidade propia. As escenas en Pontevedra acontecen na Peregrina, no café Moderno,... e descubrimos como eran podían ser en banda deseñada persoeiros como Castelao.
Para sacar adiante o libro contaron coa plataforma de crowdfunding Verkami na que estarán até o día 15 de xaneiro. “O libro vaise presentar este mesmo mes en Pontevedra e logo na Coruña aínda que non cheguemos a cumprir os obxectivos económicos de Verkami”, sinala Pitusa Árias, “coido que é un traballo que paga a pena que se coñeza por quen foi Bóveda e polo actual do seu discurso”. Aínda quedan uns días para facer achegas.