ACORDA A CREACIÓN DO INSTITUTO ROSALÍA DE CASTRO

A AELG tece o futuro da literatura galega

A AELG tece o futuro da literatura galega
aelg
aelg  

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este sábado o VI Congreso de Escritores e Escritoras da AELG para tecer o futuro da literatura galega nos próximos tempos. Falamos co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, sobre as conclusións dos grupos de traballo.


Unhas dez horas déronlles aos escritores e escritoras da AELG para debater e escoller os fíos cos que tecer o futuro da literatura en lingua galega. Precisamente, o sexto congreso da asociación celebrouse baixo a pregunta “Para quen escribirmos o futuro?”. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, fai fincapé en que unha das cuestións principais que se acordaron no Congreso pasa pola necesaria visibilidade social do escritor e da escritora, así como traballar co idioma, para que o idioma sexa ferramenta de modernidade.

Entre as propostas destacadas que saíron dos grupos de traballo, Cesáreo Sánchez salienta a necesidade de crear un Instituto Rosalía de Castro que divulgue a literatura galega no mundo. Co mesmo obxectivo, falouse da necesidade de impulsar a visibilización internacional da literatura galega nas feiras internacionais.

Unha das conclusións ás que chegaron os autores e autoras foi a necesidade de crear unha axencia literaria

En conversa con Sermos Galiza, o presidente da AELG dá conta das principais conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo nos que se organizou o Congreso. En relación á mesa sobre os dereitos de autor e autora e a profesionalización, “incidiuse na necesidade de buscar que a nosa literatura saia ao mundo a través de traducións e da creación dunha axencia literaria, como hai noutros países”.

“Tamén se acordou que a AELG, na medida en que poida, traballará por crear un servizo de orientación aos autores e autoras á hora de interpretaren os contratos”, sinala. “Aínda que non sexamos profesionais no sentido de non poder vivir das nosas obras, insistiuse moito en que cómpre que os escritores e escritoras sexamos percibidos pola sociedade como profesionais que traballan na construción dunha literatura nacional”, engade.

O grupo de oralidade acordou potenciar a liña de traballo no ámbito escolar, a través de modelos como o teatro e a narración oral. O presidente da AELG afirma, ao respecto, a importancia da oralidade, pois “ten relación coa situación actual do idioma, porque se non hai falantes de galego, non haberá contadores de historias”. Como elemento de prestixio, este grupo de traballo tamén propuxo que as Letras Galegas sexan dedicadas un ano á literatura oral.

No que respecta á mesa sobre novas formas de edición, Cesáreo Sánchez pon de manifesto que se coincidiu na necesidade de ser flexíbeis cos novos formatos mixtos tecnicamente e que contan cunha gran difusión. Tamén se acordou procurar para os autores e autoras un papel decisivo nos procesos de cambio da difusión dos contidos culturais e estar atentos e atentas ás novas formas de difusión de contidos.

Sobre a literatura dramática, o presidente da AELG sinala que se insistiu en que cómpre que o sector busque a recuperación da administración dos certames de escrita dramática e a garantía da publicación e da escenificación das obras gañadoras. Este grupo de traballo considerou preciso a levar a escrita dramática ao ensino e puxo o foco sobre a necesidade de promover lecturas dramáticas e, sobre todo, que se programen autores e autoras galegas, e non só autores e autoras traducidas. O presidente da asociación salienta que se acadou un acordo para que os dramaturgos creen unha sección de literatura dramática, como xa existe no caso da tradición oral.

O grupo de traballo sobre a lusofonía propuxo que a AELG potencie a tolerancia ortográfica

En canto á lusofonía, as persoas participantes coincidiron na importancia de aproximar a literatura galega á cultura da lusofonía, de maneira que se poida amosar a riqueza da literatura galega ás culturas lusófonas. Este grupo de traballo acordou que a AELG potencia a tolerancia ortográfica sen discriminacións que impidan a difusión dunha parte da nosa literatura.

No que atinxe á formación de lectores e lectoras, grupo que, segundo Cesáreo Sánchez, espertou un grande interese, reivindicouse a literatura infantil e xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de se considerar estratéxica na formación de novos lectores e lectoras. “Advertiuse de que é moi importante que a literatura infantil e xuvenil se inclúa como materia específica na formación do profesorado”, engade.

As conclusións do Congreso marcan o futuro do enfoque da literatura galega con esperanza, ilusión e optimismo

Cesáreo Sánchez salienta que as conclusións das distintas mesas de traballo representan unha guía de traballo para os próximos anos. “Reflexionamos sobre o conxunto de temas transversais necesarios sobre como enfocar o futuro da literatura sendo críticos coa situación actual, mais esperanzados, ilusionados e con moito optimismo”, confesa.

O punto final do Congreso, no que se presentaron os aspectos da páxina web (que celebra os 20 millóns de entradas cando apenas ten 10 anos de vida), púxoo a música de Xardín Desordenado, que musicou poetas galegos e galegas.