ENTREVISTAMOS CESÁREO SÁNCHEZ, PRESIDENTE DA AELG

"A incompatibilidade dos dereitos de autor coas pensións é unha agresión á cultura"

"A incompatibilidade dos dereitos de autor coas pensións é unha agresión á cultura"
[Imaxe: Eduardo Castro Rial] Cesáreo Sánchez
[Imaxe: Eduardo Castro Rial] Cesáreo Sánchez  

Nos últimos meses, autores e autoras veñen recibindo cartas da Seguridade Social nas que lles pide que devolvan as pensións que cobraron á vez que cobraban dereitos de autor. Para Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, trátase dun “chanzo máis no proceso de agresión á cultura e aos creadores en xeral”.


Desde 2012, calquera profesional da creación maior de 65 anos que queira continuar a súa actividade ten dúas opcións: cobrar a súa pensión mais renunciando a cobrar polos dereitos de autor, conferencias, artigos ou cursos se con iso supera o Salario Mínimo Interprofesional anual bruto -9.000 euros- ou ben cobrar os dereitos de autor, conferencias, artigos ou cursos, mais renunciando a cobrar a súa pensión.

Coas modificacións aprobadas polo Partido Popular cando lle deu luz verde á coñecida como “xubilación flexíbel”, os creadores e creadoras só poderán cobrar os dereitos cando estean en activo, pero non cando se xubilen. Isto tamén afecta aos premios, porque o autor ou autora debería elixir entre o premio ou a pensión. “Falamos tamén de pagamentos dun mínimo de dignidade como son o combustíbel para o vehículo ou o xantar ou do cobro de dereitos dun libro publicado hai trinta anos”, advirte o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.

"Isto significa o empobrecemento de todo o sistema no Estado e, en consecuencia, tócanos a nós"

O presidente da AELG explica que nos primeiros anos de aprobación da normativa os casos de escritores e escritoras afectadas, nomeadamente cataláns, íanse resolvendo un a un. Porén, nos últimos meses, aumentaron os casos de multas e de retirada de pensións, sobre todo en Catalunya, “no caso galego non hai tal grao de profesionalización económica dado o menor grao de normalidade e dado que non contamos cunha industria editorial forte, mais isto significa o empobrecemento de todo o sistema no Estado e, en consecuencia, tócanos a nós”.

Cesáreo Sánchez advirte de que detrás desta operación se atopa “o concepto do que significa un escritor na sociedade e do papel que desenvolve”. “Para min non é un disparate, pois é algo totalmente coherente cos poderes públicos do Estado, que se afanaron en atacar de maneira profunda a cultura, primeiro co canon e despois co 21% do IVE. Isto é un chanzo máis nesa política contraria á cultura”, denuncia.

"Esta medida promove o desarme cultural da sociedade"

O presidente da AELG afirma que “os creadores molestan, na medida en que emiten un pensamento que non concorda; por iso se entra nunha etapa de silencio, amordazamento e censura”. “Este ataque aos pensionistas é unha auténtica inmoralidade porque nos ataca na última fase da nosa vida, na fase na que somos máis vulnerábeis humanamente e na que podemos necesitar da axuda doutras persoas”, salienta. O presidente da AELG considera que medidas como esta promoven “o desarme cultural da sociedade, a seguir baleirándoa de contidos culturais”.

Aínda que na Galiza poucos escritores e escritoras poden vivir do que crean, Cesáreo Sánchez sinala que cada vez son máis os autores e autoras que recorren á AELG para resolver as dúbidas respecto á imposibilidade de cobrar a pensión e os dereitos do que escriben ou escribiron, “na Galiza a profesionalización é difícil pola falta do apoio á industria cultural. Só hai que lembrar que a cultura na Galiza representa un peso de só o 2% do PIB, mentres que no conxunto do Estado ascende ao 5%”.

O presidente da AELG reunirase nas próximas semanas co servizo xurídico de CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) para determinar os camiños a seguir nesta cruzada da Seguridade Social contra os creadores e creadoras.