Agustín Fernández Paz, O sorriso de Daniel, e Xosé Manuel Olveira “Pico” entre os Premios da Crítica 2012

Agustín Fernández Paz, O sorriso de Daniel, e Xosé Manuel Olveira “Pico” entre os Premios da Crítica 2012
Xurados dos Premios da Crítica de Galiza 2012
Xurados dos Premios da Crítica de Galiza 2012  SG
A trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais déonse a coñecer onte en Vigo.

Baixo o lema “Galiza como tarefa”, un título de Paz Andrade, a trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galiza reuniron en Vigo a máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país. Este ritual anual, desde a súa creación no ano 1979 polo Círculo Ourensán Vigués, quere recoñecer o traballo en distintos ámbitos da creación e a ivestigación en Galiza. Organizado pola Fundación Premios Crítica Galiza, polos seus xurados participaron máis de 800 persoas e entregáronse 214 premios representados or unha estatuiña que simboliza o trobeiro Martín Códax deseñada por Isaac Díaz Pardo e agasallada por Cerámicas Sargadelos.  As modalidades este ano foron as de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas.

@s galardoados

Nesta edición o Premio de Creación Literaria foi para a obra “Fantasmas de luz” de Agustín Fernández Paz. O xurado desta modalidade, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez; Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga; Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade este premio pola o “súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos”.

O xurado da modalidade de Investigación premiou a edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López

Patricia Fra López levou o Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago. O xurado acordou por unanimidade facer un chamamento aos poderes públicos para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes.

O Premio de Música foi para a Asociación Galega de Compositores. O xurado desta modalidade, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar este galardón pola tarefa que esta entidade vén realizando no ámbito da composición, da edición e da interpretación e considerou a importancia que supón a existencia na sociedade galega de iniciativas como as que leva a cabo.

A Asociación “O sorriso de Daniel” foi a galardoada co Premio de Iniciativas Culturais. O xurado desta modalidade, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumais, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germam Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar este premio por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema "O patrimonio coa viciñanza ten maior valor" e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal.

A Asociación “O sorriso de Daniel” foi a galardoada co Premio de Iniciativas Culturais por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico

O Premio de Artes Plásticas e Visuais foi para Carmen Nogueira”. O xurado desta modalidade, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira. Artista viguesa con grande actividade en construción da paisaxe, con actuacións en Pequín, Valparaíso, con representación na Feira ARCO 2011, recentemente a súa obra entrou na colección do Centro Nacional Reina Sofía, logo de ter feito exposicións individuais no CGAC, no MARCO ou no Bienal de Pontevedra, entre outras moitas.

Por último, o Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais foi para Xosé Manuel Olveira “Pico”. O xurado desta modalidade, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgarlle este galardón non só pola súa traxectoria incuestionábel, senón tamén polo seu traballo teatral e audiovisual como figura capaz de unir eses dous mundos, sempre con seriedade, calidade, intelixencia e fonda humanidade. Alén diso, o xurado desexa destacar a súa participación en obras de particular relevancia durante o ano 2011 coma os filmes Sinbad e Doentes¸ e a peza teatral O florido pénsil. O xurado realizou tamén unha mención especial á longametraxe documental Tralas luces, e en especial á súa directora Sandra Sánchez e á produtora Fernanda del Nido, pola súa intensidade e lirismo, e por construír un universo de mulleres nun modelo de produción que, ademais, insiste especialmente nesa dimensión feminina.