Amauta Castro presenta libro en Vigo


Amauta Castro presenta libro en Vigo
O poeta galego estará hoxe na libraría Cartabón co seu libro Nos muros do mundo.

“A nosa sociedade ten a síndrome de Estocolmo”. Esta definición é do poeta galego Amauta Castro (Barakaldo, 1981) e deitouna onte polo serán na libraría Couceiro de Compostela na presentación do seu libro Nos muros do mundo. Poeta e viaxeiro, como se define el mesmo, ten os seus versos espallados por publicacións varias como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Olláparo, A Micro Pechado ou Andar21, neste último onde podemos descargar o seu libro de balde. Desde 2004 reside en Girona.
Entre 2006 e 2009 fixo unha escolma dos seus versos que logo formarían parte de Nos muros do mundo. Son poemas que como el mesmo afirma “tiñan que publicarse para non seguir corrixindo, como diría Borges”. Unha escolma incompleta “de combate”. Poesía comprometida (Prestige, Beirut) nunha linguaxe coidada e con referentes tan diferentes como a literatura anglosaxona ou Alfonso Pexegueiro, María do Cebreiro, Otero Pedrayo, Gioconda Belli ou Lino Braxe. Para un futuro non inmediato Amauta Castro prepara unha nova obra “man a man cun ilustrador catalán”.
Hoxe sexta feira, 27 de abril estará na libraría cartabón de Vigo (Urzáiz, 125) ás 20:00 horas.



x