Castelao, dobre protagonista de BD

Castelao, dobre protagonista de BD
Detalle da portada de "Castelao. O Pobre Tolo"
Detalle da portada de "Castelao. O Pobre Tolo"  

Co album Castelao, o Pobre Tolo de Iván Suárez e Ignacio Vilariño e In Memoriam de Kike Benlloch e Fonso, Castelao toma por partida dobre protagonismo nas novidades editoriais en bd.


Castelao é a figura máis debuxada da nosa historia. A comezar por el mesmo, coas súas autocaricaturas que constitúen unha particular colección da visión que tiña de si mesmo. A imaxe converteuse en icona co pito na boca, o chapeu ladeado ou os lentes redondos. Tamén as imaxes doutros autores axudaron a converter a unha das máis relevantes figuras da historia galega en debuxo de liña, ás veces mesmo co corazón chorando, como o imaxinou Bagaría. Neste mes de maio chegan ás librarías dous álbums de cómic con Castelao como protagonista, o que supón un recoñecemento do debuxante como referente histórico da nova banda deseñada galega.

O debuxante Iván Suárez e o guionista Ignacio Vilariño son os autores de Castelao, o Pobre Tolo, álbum que publican a editorial Demo xunto coa libraría especializada en banda deseñada, Komic, con motivo do seu 25 aniversario. Toman os autores como motivo de recreación histórica na súa publicación o desterro de Castelao a Badaxoz en 1934, o seu illamento nunha cidade estranxeira e o seu achegamento á realidade estremeña. Nesa residencia lindeira con Portugal, Castelao farase nunha das súas visitas ao país de fala máis próxima cun exemplar de O pobre tolo, de Teixeira de Pascoaes, encontro literario que os autores do cómic levan mesmo a título da súa publicación. Iván Suárez e Ignacio Vilariño visitaran xa a Castelao en BD no seu album Titoán, que foi galardoado co premio de BD Castelao da Deputación da Coruña en 2011. Non son estes os únicos episodios que os autores recrean ao autor de Sempre en Galiza a través da banda deseñada xa que na gabeta gardan novos traballos á espera de publicación.

Con Osamu Tezuka

Kike Benlloch como guionista e Fonso como debuxante toman tamén a figura de Castelao en In memoriam para imaxinar un encontro do noso político e debuxante co creador de BD Osamu Tezuka nos anos corenta. Publicado pola libraría Alita no seu décimo aniversario, a publicación elabórase en edición non venal cunha tiraxe de 400 exemplares.

Estas novidades editoriais continúan a construír o corpo bibliográfico en banda deseñada arredor de Castelao que ten no seu haber o singular volume Castelao en comic, publicado en 1989 por A Nosa Terra con traballos de rapazas e rapaces que debuxaron ao nacionalista.