A Coruña conta cun novo espazo cultural: Linda Rama

A Coruña conta cun novo espazo cultural: Linda Rama
Pombo e Cao, de Linda Rama.
Pombo e Cao, de Linda Rama.  

Unha libraría con cafetaría abre as portas na Cidade Vella nun momento no que o tristemente habitual é o peche destes establecementos. Poñerá especial interese no ensaio e terá programación propia


Un novo espazo para a cultura na Coruña, unha nova sempre importante e máis en tempos como os actuais, onde adoito toca comentar o peche destes recintos. Porén, o filólogo Alberto Pombo e o politólogo Daniel R. Cao veñen de abrir na Cidade Vella unha libraría-café, Linda Rama, que esperan converter en nova referencia da actividade na urbe, desde a rúa Porta de Aires.

Inaugurada o pasado sábado, Linda Rama, apostará tamén por unha programación propia, con oco para “exposicións, debates, espectáculos de vídeo-creación ou musicais”. Por suposto, o libro en galego terá un lugar privilexiado na proposta do café-libraría, que “polas propias características e intereses” dos donos estará especialmente centrado no ensaio, tanto o socio-político como o adicado á cultura popular contemporánea. “Non atopabamos as cousas que nos interesaban, como o catálogo de moitas novas editoriais cuxa distribución non chegaba aquí e pretendemos paliar esa eiva”, aseguran Pombo e Cao, que desde Linda Rama aspiran a dinamizar o abanico cultura da Coruña, e seguramente moito máis que iso.