Galiza continúa sen ter presenza institucional no Saló do Cómic de Barcelona

Galiza continúa sen ter presenza institucional no Saló do Cómic de Barcelona
Portada da revista Retranca de Kiko da Silva
Portada da revista Retranca de Kiko da Silva  
Menos editoras e creadores participarán este ano na máis importante mostra de banda deseñada do Estado español. Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández, Víctor Rivas, Lola Lorente, Martín Romero asinarán exemplares. David Rubín e José Domingo son candidatos aos premios do Saló.

Dous anos leva Galiza ausente institucionalmente do Saló do Cómic de Barcelona. Malia o esforzo de anos anteriores á chegada de Feijoo ao goberno galego, cada ano hai menos editoras e publicacións do noso país que podan amosar o seu traballo e aproveitar o troco comercial que supón este evento. Só El Patito Editorial contará cun posto, que comparte coa libraría Cómic Hunter, ao igual que o pasado ano. Estará tamén, por vez primeira, a revista El Arca de las Historietas que comparte posto con dúas iniciativas de fóra. Xa non atoparemos habituais como BD Banda, Retranca ou o colectivo Polaqia, xa disolto. No espazo de fanzines encontramos, como vén sendo habitual, a Mariano Casas, que presentará a súa obra La historia jamás contada jamás contada. Tamén asistirá ao evento Juan Carlos Sanmiguel, da libraría Alita que moverá a obra In memoriam, de Kike Benlloch e Fonso.

David Rubín e José Domingo son candidatos aos premios do Saló

Para alén disto, os autores galegos están presentes tamén nas exposicións colectivas dedicadas a Robots (Kiko da Silva), ou de homenaxe a Moebius (Miguel Porto, Santy Gutiérrez, José Domingo e Kike Benlloch). Porto tamén visitará a Cidade Condal para actuar como picadiscos na presentación da editora Entrecómics Cómics.