I Premio Brais Pinto para Xosé Lois González, O Carrabouxo

I Premio Brais Pinto para Xosé Lois González, O Carrabouxo
A Agrupación Cultural Auriense de Ourense dedícalle unha exposición e un roteiro ao personaxe creado por Xosé Lois González que, ademais, recibirá o primeiro galardón creado este mesmo ano pola "traxectoria vital na defensa do noso idioma".

Hai 45 anos nacía a Agrupación Cultural Auriense en Ourense e quince anos despois fixo a súa primera aparición pública O Carrabouxo, un personaxe que colleu vida grazas a Xosé Lois González. Esta coincidencia celébrase estes días na histórica asociación da cidade de Ourense cunha serie de actividades e a entrega, por primeira vez, do premio Brais Pinto aos Bos e Xenerosos.

"Levabamos tres anos coa idea", recoñece Rubén Requeixo, secretario da asociación, "despois de ter claro o nome do premio en homenaxe a un colectivo que traballou moito pola nosa cultura desde Madrid". Para esta primeira edición escolleron a Xosé Lois González pola súa "traxectoria vital en que a defensa do noso idioma, o noso xeito de vida e a liberación social e nacional da Galiza" ademais dun "demostrado compromiso co tecido asociativo da Galiza que o levaron, e levan, a prestar a súa colaboración en numerosas actividades e proxectos". Recoñecen tamén "a súa actividade artística que se traduce en numerosas colaboracións, tanto estábeis como puntuais, en diversos medios de comunicación, simbolizadas todas elas no seu personaxe “O Carrabouxo” que vén de cumprir o 30 aniversario".

Actividades

A exposición de "inéditos" do Carrabouxo, un roteiro pola cidade de Ourense e a entrega do galardón no transcurso dunha cea serán as actividades que preparou a Auriense ao redor da homenaxe ao Carrabouxo e ao seu autor. A exposición contará con 13 dos 33 debuxos inéditos que non viron a luz nunca en ningunha publicación. A mostra poderase visitar no Café Cultural Auriense até finais de xaneiro e a organización ten previsto que viaxe despois por todo o país.

O roteiro "Galiza co Carrabouxo" terá lugar o 15 de setembro e comezará ás 20 horas con saída da Praza do Correxedor, diante do monumento a Otero Pedrayo, coa intervención do historiador Francisco Carballo. Pasará pola Praza dos Suaves, rúa da Unión e rúa Juan de Austria até chegar á rúa da paz diante da casa onde naceu Eduardo Blanco Amor. Continuará pola Praza do Ferro e a rúa Santo Domingo até chegar ao Parque de San Lázaro, diante do monumento ao Carrabouxo, coa intervención de Millán Picouto.

Ese mesmo día terá lugar a cea (Salóns Aixiña, 20 euros/persoa) en que se entregará o I Premio Brais Pinto aos Bos e Xenerosos a Xosé Lois González.