A ordense Lidia Gómez gaña o Premio Biblos de novela para menores de 25 anos

A ordense Lidia Gómez gaña o Premio Biblos de novela para menores de 25 anos
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

O seu proxecto quere ofrecer "un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico" a través da relación dunha lavandeira compostelana e a súa patrona, dona dunha curtiduría da Pontepedriña. María Xosé Queizán será a súa titora.



Lidia Gómez Martínez, nacida en Ordes e que se presentou ao concurso con 19 anos, é a gañadora da novena edición do Premio Biblos-Casa Grande do Bachao, fallado na tradicional cea literaria que no serán do 19 de xullo reuniu a máis dun cento de personalidades da cultura galega.

Estudante de terceiro de Filoloxía hispánica o ano que vén en Compostela, o xurado viu no seu proxecto "posibilidades de acadar unha novela de interés na medida en que a forza das personaxes protagonistas e a intensidade dos sentimentos que as moven transcendan o momento histórico no que se sitúan".

O traballo premiado ten "os elementos necesarios para chegar a ofrecer un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico, que ela concreta na relación dunha lavandeira compostelana coa súa patrona, a dona dunha curtiduría da Pontepedriña". Así o decidiu o xurado, integrado pola gañadora da sétima edición do Biblos, Iria Morgade Valcárcel, ademáis de por Tucho Calvo e María Xosé Queizán.

Lidia Gómez Martínez "amósanos a distancia entre dous mundos moi arredados social, económica e culturalmente, cos seus soños e os seus medos condicionados pola opinión da xente. Pero o interés do argumento que debe ser desenvolvido nos vindeiros meses nace precisamente na imposibilidade de manter eses universos estancos, do obrigado contacto e as relacións nos tarreos máis cotiáns da vida e dos sentimentos", continua sinalando o fallo do xurado. O premio á Colaboración Necesaria coa Cultura foi parar a mans de Narciso Luaces Pardo, quen rexenta canda a súa compañeira, Herminia Cobelo, o Museo etnográfico de Meixido, en Ortigueira, o lugar onde reside a parella.