Un libro á procura de cuberta


Un libro á procura de cuberta
O autor Carlos Callón abre un inquérito no seu bloque para que quen o desexe participe na escolla da imaxe que ilustrará a capa do seu manual 'Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez'. Hai cinco propostas, todas achegadas polo deseñador Miguel A. Vigo

Por navergarmos ao desvío, demos co blogue de Carlos Callón e atopámonos cunha chamada á axuda. O presidente da Mesa pola normalización anda á procura da imaxe que servirá de cuberta ao seu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un "manual práctico" ao redor dunha lingua de calidade que sairá do prelo no outono.

Das cinco achegas feitas polo deseñador Miguel A. Vigo, preguntámoslle a Callón con cal queda, mais non quere contárnolo: "será a que saia escollida", apunta entre risas. Pedímoslle entón que nos explique que gostaría de transmitir nesa imaxe.

"Deume moitos quebradeiros de cabeza deixar as propostas en cinco. É moi difícil mostrar a idea central do libro, que todos podemos mellorar a calidade do noso galego". E isto porque, defende o autor, que a causa que nos leva á comisión de erros e ao uso de expresións próximas ao español ou influenciadas por este "non é un problema gramatical, senón social".

Parafrasea Callón ao Wyoming e sinala que "o que Galiza vota vai á misa!". Así o fixo tamén cando deixou en mans de quen desexase votar a escolla do título dun libro en cuxa cuberta figurou finalmente En castellano no hay problema.

Di que o obxectivo é "facer que exista, que se coñeza" o seu traballo, para alén de facer á persoa lectora partícipe daquel, ao ser textos en que se achegan consellos para mellorarmos a calidade da nosa lingua.

Para quen goste de participar no inquérito e non o fixese aínda, a votación fecharase en dez días, o 3 de setembro. No momento de redactarmos esta información 112 persoas premeran nalgunha das cinco opcións, acaparando case a metade dos votos esta cuberta, a nº3.