A poesía última de Lois Pereiro, nun libro-disco de 'monicreques'


A poesía última de Lois Pereiro, nun libro-disco de 'monicreques'

Detrás do proxecto PULP: Poesía última de Lois Pereiro está a compañía Fantoches Baj, promotora do espectáculo que repasa ao vivo e xogando coa forza das letras e das palabras os dous últimos anos da vida do poeta monfortino. 


Comezamos esta información cun dado importante a ter en conta: cando lean aquí 'espectáculo de monicreques' non pensen en títeres nin en figuras antropomórficas nin en bonecos de luva. Porque neste espectáculo de monicreques non hai nada diso. Lois Pereiro non é unha marioneta. 



Caixas de letras que se misturan até formar palabras. Palabras que se misturan para formar escenarios. Conceptos que interactúan os uns cos outros para ir construíndo o camiño polo cal percorrer os dous últimos anos da vida do 'poeta maldito', o monfortino Lois Pereiro. O espectáculo que vimos de describir existe. Estreouse en 2011, o ano en que a Pereiro lle dedicaron o Día das Letras, o ano en que os proxectos que repasaron a súa (curta) vida e (intensa) obra agromaron en todas as artes. 

Precisamente por iso o deles, o da compañía de monicreques Fantoches Baj, non acadou a repercusión que merecía. "Eramos unha compañía moi pouco coñecida daquela", apunta en conversa con Sermos Galiza Benxa Otero, encargado da creación musical e da interpretación en directo.

Otero explicou cal é a imaxe de Lois Pereiro que queren transladar a través do monicreque que representa o poeta: unha caixa amarela cun 'L'. "Ese é Lois", ratifica o músico. Mais, que Lois é ese? "Unha síntese entre o aspecto máis visual, o Lois escritor, o Lois namorado e a contorna de Lois, moi importante tamén e que el deixou por escrito". A esta imaxe do monfortino dá acceso a súa obra Conversa ultramarina, un dos escritos máis persoais con que nos agasallou.

Procurando financiamento para que o caderno do espectáculo

As referencias musicais e cinematográficas que aparecen nos textos de Pereiro van construíndo o universo contextual en que se desenvolve o espectáculo de Fantoches Baj, que leva por título PULP: Poesía última de Lois Pereiro. Un espectáculo que agora quere ser libro e quere ser disco, todo á xunta. Que pón en relación ao poeta galego co pintor estadounidense Peter Halley. Que recupera a idea do proxecto que Fantoches Baj fixo xa en Asombros, ao redor da obra de Uxío Novoneyra: unha escolma de textos do espectáculo ao vivo cun CD que recolle o audio empregado nese espectáculo. 

Para materializar esta idea cómpre financiamento. E é iso o que a compañía de monicreques fincada en Lalín busca a través do crowdfunding. Quen colabore para facer realidade o proxecto --que conta co apoio da Fundación Uxío Novoneyra-- verá recompensado o seu esforzo cun agasallo. Necesitan por volta de 6.000 euros e Benxa Otero infórmanos de que a recadación vai lenta, mais segura.


((As imaxes que acompañan esta información son de Otto Roca))