'O galego, a chave do mundo': estudantado de doce comarcas correrá pola nosa lingua

'O galego, a chave do mundo': estudantado de doce comarcas correrá pola nosa lingua
Acto en Pontevedra [SG]
Acto en Pontevedra [SG]  

A nova edición do Correlingua desenvolverase desde o 2 até o 16 de maio, nas semanas previas ao Día da Lingua



O galego, a chave do mundo. A consigna, lema da nova edición do Correlingua, percorrerá as rúas do País desde o día 2 de maio, co gallo desta iniciativa que conxuga o deporte e a defensa do idioma propio da Galiza. 

Con saída desde Ourense, alumnado de todos os centros de ensino irán tomando o relevo para que a lingua estea presente en doce comarcas, quecendo motores nos días previos ao día grande da reivincación do dereito a vivirmos en galego: o 17 de Maio. 

O falar non ten cancelas: cando o Concello de Santiago quixo censurar un manifesto

A miña lingua é segura,
O falar non ten cancelas
Unha casa  sempre  aberta
Que todos debemos protexer.
A miña lingua  é  miña nai
É honroso ter unha lingua
Fermosa, digna, que abre portas
Que non ten chaves, que nada pecha,
Ela mesma é a chave do mundo.
A miña fala é o máis importante,
Debo honrala cando a uso
Sentirme orgulloso de tela
Por ser o meu carné de identidade.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

O que reproducimos é un bocado do manifesto que resultou gañador dun concurso en que participaron os centros de ensino. Foi elaborado polo alumnado de 4º da ESO A e B do IES A Pinguela de Monforte, que se presentaron baixo o nome de 'Os Golgorotos'. Cómpre destacar que concellos como o de Compostela condicionou en 2012 a colocación dun palco para as actuacións do Correlingua a que o manifesto fose censurado. 

Elaborado polo estudantado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures, nel proclamábase o desexo de que "as fronteiras de Galiza as poña o galego" ou que "non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela".

Após coñecerse a noticia de que o daquela alcalde Gerardo Conde Roa, non apoiaría a carreira e a trataría como unha manifestación, o colectivo Galicia Bilingüe fixo público un comunicado informando de que a mudanza de actitude fora froito "dunha recente entrevista" co rexedor en que este "mostrou o seu compromiso de non apoiar dende o Concello "actividades adoutrinadoras dirixidas a escolares". Tampouco o Concello da Coruña colabora na actividade.

13 anos movéndose pola nosa lingua

Así as cousas, o Teatro Principal de Pontevedra acolleu esta sexta feira a presentación dunha nova edición desta iniciativa que se vén realizando desde hai 13 anos.

Promovida na súa orixe por entidades culturais, hoxe está organizada pola AS-PG, a CIG-Ensino, a Mesa, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.