MANIFESTACIÓNS SIMULTÁNEAS DE QUEREMOS GALEGO EN VILAS E CIDADES

17 de maio: “Liberdade, igualdade e xustiza para o galego”

17 de maio: “Liberdade, igualdade e xustiza para o galego”
Participantes na presentación das mobilización de Queremos Galego para o 17 de maio. De esquerda a dereita, Bieito Lobeira (BNG), Dores Vidal (A Mesa pola Normalización Lingüística), Xoán costa (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), Suso Bermello (CIG), Marcos Maceira (Queremos Galego) e Mónica Pazos (A Mesa). Foto: Queremos Galego.
Participantes na presentación das mobilización de Queremos Galego para o 17 de maio. De esquerda a dereita, Bieito Lobeira (BNG), Dores Vidal (A Mesa pola Normalización Lingüística), Xoán costa (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), Suso Bermello (CIG), Marcos Maceira (Queremos Galego) e Mónica Pazos (A Mesa). Foto: Queremos Galego.  

“A situación do galego é crítica: pola falta de transmisión interxeracional, polas dificultades para o seu coñecemento, polas dificultades tamén legais para empregalo con normalidade, pola inactividade do Goberno galego”. Así debuxou a situación Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, na presentación das mobilizacións para este 17 de maio.
 


“Liberdade, igualdade e xustiza para o galego” é a idea que pretende trasladar a plataforma cidadá este Día das Letras Galegas. O cartel que chama ás manifestacións -este ano, simultáneas en vilas e cidades de toda Galiza ás doce da mañá-, cun debuxo de Luís Davila, di Máis que nunca. Queremos galego.

cartel 17M Queremos Galego

“Máis que nunca chamamos a mobilizarse ao conxunto da sociedade galega que cre na liberdade mais ve como non hai posibilidade de vida normal en galego”, declarou Maceira esta terza feira en Compostela, “que cre na democracia mais ve como en Galiza se vulneran dereitos lingüísticos; que cre na xustiza aínda que hoxe esta non exista para o galego”.

O portavoz de Queremos Galego expuxo unha longa serie de exemplos e datos cos que apontoou a realidade do galego na Galiza. O 22,7% dos menores de 15 anos non saben falar galego, fronte ao 0% no caso do español. A Xunta “non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza e os medios de comunicación”.

Ao tempo, lembrou “a nova ofensiva xudicial e política” que, ao seu ver, ataca o galego, e que ten como exemplo máximo a sentenza do Tribunal Supremo sobre a ordenanza de normalización lingüística de Lugo. “É visíbel como os ataques ao galego proveñen de quen quere restrinxir dereitos de todo tipo na sociedade”, estendeuse, “os que queren prohibir o galego na administración son os mesmos que atacan as mulleres, a diversidade sexual ou a liberdade de expresión”.

Queremos Galego considera que o intre é crítico, porque “sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza, non hai democracia”. Coa descentralización das protestas, a plataforma quere ademais “recordar a importancia que os servizos municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos”.

Na presentación das mobilizacións esta terza feira, 9 de abril, participaron ademais Bieito Lobeira (BNG), Dores Vidal e Mónica Pazos (A Mesa pola Normalización Lingüística), Suso Bermello (CIG) e Xoán Costa (AS-PG).



x