172 topónimos da comarca de Bergantiños, rotulados con erros ou nunha forma ilegal

172 topónimos da comarca de Bergantiños, rotulados con erros ou nunha forma ilegal
© Que pasa na costa
© Que pasa na costa  

É o dado que se recolle nun informe realizado pola sección da Mesa pola Normalización nos sete concellos que integran o territorio bergantiñán e que se refere ás formas que aparecen na sinaléctica pública. 


Aguarrey, Puenteceso, Valencia ou O Regengo son algunhas das formas toponímicas deturpadas que abundan na comarca de Bergantiños. Un informe realizado pola Mesa dá conta de todas elas e contabiliza un total de 72 nomes de lugares que están rotulados na sinaléctica pública con erros na acentuación, omitindo o artigo que fai parte do topónimo ou, como é o caso destes catro que colocamos, directamente difundidos nunha forma que é ilegal. 

Así as cousas, no concello da Laracha son 61 os nomes de entidades de poboación grafados de maneira incorrecta aos cales se suman 34 en Coristanco, 22 en Cabana, 16 en Carballo, 16 en Ponteceso --incluíndo aquí o propio topónimo da capital do concello--, 16 máis en Laxe e outros 7 en Malpica.

"A toponimia é un patrimonio inmaterial que atesoura parte da historia do pobo galego"

Coas irregularidades localizadas e anotadas, A Mesa dirixiuse aos gobernos locais de cada municipio para esixir que se corrixan de maneira inmediata as incorreccións, que Xosé Cotelo, responsábel desta organización en defensa da lingua na comarca bergantiñá, achacou "ao desleixo das diferentes administracións". De seguido, lembrou que "a toponimia é un patrimonio inmaterial que atesoura parte da historia do pobo galego", polo que considerou que este tipo de situacións "deberan estar xa superadas sen ofrecer nengún tipo de dúbidas ao respecto".

Con todo, polo de agora, unicamente os rexedores de Ponteceso --José Luis Fondo, do PP-- e Carballo --Evencio Ferrero, do BNG-- se comprometeron a corrixir a sinaléctica incorrecta. Faráo Ferrero "nas vinceiras semanas" e Fondo, malia que si respostou de maneira positiva ao informe da Mesa, non especificou prazos. O resto dos municipios "fan ouvidos xordos", ao igual que a Deputación da Coruña e a Xunta da Galiza, titulares de varios dos sinais que amosan formas toponímicas erradas.