35 anos após a aprobación da LNL a maioría dos concellos carece de servizos de normalización lingüística

35 anos após a aprobación da LNL a maioría dos concellos carece de servizos de normalización lingüística

Só as deputacións e medio cento de concellos contan con servizos técnicos para asesorar e guiar a institución na súa política lingüística e a esta escaseza de persoal técnico compleméntase cunha inestabilidade laboral xeneralizada, afirman desde o CTNL.


As entidades locais de Galiza teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística. Porén, como sinalan desde a Coordinadora de Traballadores e traballadoras de normalización lingüística (CTNL), “as entidades locais de Galiza desenvolven esta competencia de forma desigual”. De feito, indica, a maioría dos concellos galegos carece de departamentos técnicos para exercer as súas competencias en materia de normalización lingüística. “E case anecdóticas as entidades locais que teñen este departamento totalmente estabilizado, é dicir, cuberto con funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo”.

Mais esta inexistencia de departamentos non é a única eiva, hai que engadir “a inestabilidade laboral xeralizada” nos existentes: “Só arredor dunha vintena de Servizos de normalizacióbn lingÜística (SNL) está baixo a responsabilidade de persoal laboral fixo ou funcionario; a maioría dos SNL que teñen certa continuidade depende de contratos temporais ou indefinido”.

Propostas

Desde a CTNL instan a unha implicación maior das entidades públicas no proceso de normalización lingüística. “As catro deputacións e a Xunta, cun sistema de axudas que favoreza e impulse a constitución dunha rede de SNL en todo o país, pois só contando con persoal técnico se poderán desenvolver políticas lingüísticas rigorosas e eficientes. Os concellos, asumindo con valentía a súa competencia en normalización lingüística e creando prazas técnicas que planifiquen, xestionen, executen e avalíen accións e programas para mellorar o uso e o prestixio da lingua. As entidades locais que xa teñen SNL con continuidade, consolidándoos definitivamente […] E, por último, os concellos das cidades galegas, reforzando os seus SNL, pois é no contexto urbano onde se necesita un traballo de promoción da lingua maior, labor que non se pode desenvolver coa mesma dotación de persoal ca nos concellos máis pequenos”.



x