39 medidas para promover o galego entre a mocidade

39 medidas para promover o galego entre a mocidade
Valentín García na apresentación das 39 medidas
Valentín García na apresentación das 39 medidas  

O novo Plan de dinamización da lingua galega na mocidade contén 39 medidas de aplicación transversal en distintas áreas da sociedade que van desde o deporte ao ocio, pasando polas industrias culturais. Consta dunha previsión de execución de catro anos e dótase dun orzamento de 17,4 millóns de euros.


O Parlamento acolleu a apresentación do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. “Trátase dun documento con vocación participativa, social e de amplo consenso” afirmou García, para quen as fortalezas desta iniciativa da Xunta de Galiza residen sobre todo no seu carácter “transversal” e “participativo”, xa que contou con máis de 500 achegas de mozas e mozos e de distintos colectivos.

O texto recolle perto de 39 medidas para a promoción do uso do galego entre as capas máis novas en diversos ámbitos da sociedade. O plan ademais está estruturado en nove áreas e dótase ao tempo de 19 obxectivos para “incidir na promoción social do idioma na xente nova para garantir así o seu uso, transmisión e pervivencia”, sinalou Valentín García na aprensentación na cámara galega. Para a aplicación do plan destinarase un orzamento de 17 millóns de euros.

Para a aplicación do plan destinarase un orzamento de 17 millóns de euros

O goberno galego puxo en valor que con motivo da elaboración do plan atendéronse os datos sociolingüísticos máis recentes, no que ten a ver coa competencia, uso e actitudes da xente nova cara ao galego. O plan tamén recoñece a mocidade como grupo fundamental no futuro do idioma e carga as tintas na necesidade de desenvolver actuacións a prol do seu coñecemento e emprego neste grupo de idade que comprende desde os 14 aos 30 anos.

O plan tamén se apresentou coma un conxunto de medidas transversais que nacen precisamente “dun plan da Xunta de Galiza no seu conxunto e, por tanto, implica a participación activa de todas as consellarías e entidades públicas con competencia en materia económica”, afirmou o secretario xeral.

Implica a participación activa de todas as consellarías e entidades públicas

Haberá até tres niveis de concreción. O primeiro correspóndese cos obxectivos estratéxicos e específicos de cada un dos ámbitos, áreas e liñas de actuación. Establece nove áreas de traballo (asociacións, deporte, lecer, industrias culturais, familia, formación continua, ensino, comunicación dixital e redes sociais e economía). O documento tamén inclúe 39 actuacións, das que oito son de carácter xeral para todas as áreas e outras específicas para cada unha delas.

Valentín García sinalou como principal obxectivo do plan potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade

Valentín García sinalou que os principais obxectivos específicos do plan son potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre as persoas galegofalantes e proporcionar modelos lingüísticos galegófonos de referencia á “mocidade de orixe castelanófona”. Así mesmo, este plan tamén quere promover a existencia dunha oferta de lecer en galego para a mocidade e ampliar a oferta de produtos en galego destinados ao público infantoxuvenil.

O texto apresentado no Parlamento será exposto a debate para realización de consultas e achegas polos grupos políticos e foille remitido á Real Academia Galega e Consello de Cultura Galega.