40 ANOS DA PRIMEIRA PROMOCIÓN DE FILOLOXÍA GALEGO-PORTUGUESA

“Tivemos que facer presión para que a docencia fose sempre en galego”

“Tivemos que facer presión para que a docencia fose sempre en galego”
Imaxe: Cedida
Imaxe: Cedida  

Fanse corenta anos da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. Vinte e cinco persoas que a finais dos 70 apostaron contra vento e maré nunha carreira recén nada, conscientes de que,como eles propios nos explica, “o futuro era unha incógnita” e motivados en boa medida polo “compromiso con Galiza”.


A pouta da ditadura non esvaecera de todo e os 40 anos de represión e esmagamento da lingua e cultura galega estaban ben nídios. A década dos 70 preparábase para pasar o relevo á dos 80 e saía a primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa, unha colleita do 1978.  Vinte e cinco persoas. Entre elas, Manuel Castelao, Vitoria Ogando, Anxa González Refoxo, Tareixa Roca, Ramona Giraldez, Anxo González Guerra, que achegan aquí reflexións e lembranzas sobre aquela carreira e aqueles anos.

primeira promocion filoloxia galega

Corenta anos despois, reflexionan sobre aquel paso:“É difícil na actualidade comprender o que era o alumnado universitario da altura e, particularmente, o vivísimo compromiso coa Galiza que caracterizaba un amplo sector do estudantado. No noso caso, a decisión de seguir os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa era indisociábel dese galeguismo apaixonado, vivido e reflexionado”.

Lembran unha carreira presidida por "un ambiente de grande cordialidade entre os colegas e mesmo cos das outras especialidades”, onde “as descubertas de cada un eran transmitidas e partilladas entre todos nun proceso de convivencia constante e de realimentación recíproca”.

“Eramos esponxas”

Anos de aprendizaxe en tempos de mudanza. Cursaban unha carreira nova, chea de incógnitas, mais, afirman, “os nosos ollos e os nosos ouvidos non paraban de apañar información non apenas do país mais tamén do mundo lusófono. Eramos esponxas”.

“A decisión de seguir os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa era indisociábel dese galeguismo apaixonado, vivido e reflexionado”.

Son conscientes de que naquela altura desde resto da comunidade universitaria mirábaselles “con curiosidade e, tamén, unha inxenua visión de nós como apóstolos da lingua, obrigados a non sabemos cales misións imposíbeis....”. Mozo e mozas que tiñan claro que ao escoller esta carreira “o futuro era unha incógnita total, por ben e por mal”

Salienta, entre o profesorado, a Carvalho Calero, ao que cualifican de  “figura impar”, pois “a maior parte do profesorado ministraba materiais noutras áreas dos estudos de Filoloxía”. Para ter conciencia do signo daqueles tempos, estes exalumnos aclaran que ao cursar os estudos “mesmo tivemos que facer algunha presión para que a docencia na nosa especialidade fose sempre en galego. Mais tamén é certo que tivemos o apoio incondicional dalgún profesor”.

A inserción laboral desta promoción “foi máis rápida do que á partida esperábamos”, como eles propios recoñecen. “Infelizmente, a nosa incorporación ao ensino tivo que asistir e sufrir, xa desde os primeiros anos, a substitución perversa da cuestión da normalización pola da normativización, o ensino do galego parecía reducirse á imposición da normativa oficial con persecución e desprezo de todo o que non se situase nesa liña”

Manteñen viva a lapa que alumeaban hai catro décadas, cando “críamos que a Galiza podía apañar as rendas do seu futuro nese momento da transición desde o franquismo e que podiamos exercer unha acción mobilizadora e de promoción da consciencia do país entre os nosos concidadáns”.

“O futuro era unha incógnita total”

Hoxe en día

Hai corenta anos formaron a primeira promoción de galego da historia do noso país. A pegunta é obrigada (Imaxinaban daquela que a situación do galego sería a que é hoxe en día.?), a resposta, contundente:  “Nin nos nosos peores pesadelos podiamos imaxinar que a situación chegaría ao retroceso actual da presenza do galego na sociedade”.

“Nin nos nosos peores pesadelos podiamos imaxinar que a situación do galego chegaría ao retroceso actual”

“A única normalización que se levou adiante foi a do castelán”, lamentan, “naquela altura, a expectativa era a oposta: unha recuperación espectacular do uso do galego como lingua propia da nación. E a ese propósito se orientaron os numerosísimos traballos realizados por membros da promoción en múltiplas área da cultura galega, non apenas o ensino da lingua e a literatura, mais tamén no da creación literaria, a tradución, a lingüística, a filoloxía, a didáctica, a música, o audiovisual, o activismo social... “ Nesa tarefa e compromiso están aínda hoxe en día:  “A nosa vontade é seguirmos na batalla aínda que nos condenen ao ostracismo”.



x