A Mesa advirte a Gas Natural Fenosa que denunciará ante Consumo calquera paso atrás na atención en galego

A Mesa advirte a Gas Natural Fenosa que denunciará ante Consumo calquera paso atrás na atención en galego

Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa: “Animamos a cidadanía a presentar queixas nas oficinas de Consumo se a compañía lles nega a atención en galego”.


O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña denunciou esta semana a intención da empresa Gas Natural Fenosa de eliminar a atención á clientela da comercializadora Unión Fenosa Comercial desde o vindeiro 1 de xuño, deslocalizando o servizo que até este momento prestaba a empresa Teleperformance desde A Coruña. Segundo o Comité de Empresa, esta decisión non só causará o despedimento de 105 persoas na comarca coruñesa, senón que imposibilitará que a clientela de Galiza poida ser atendida en galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística amosa a súa preocupación ante estes feitos e transmite o seu apoio ás mobilizacións convocadas polo comité de empresa de Teleperformance en defensa do mantemento do servizo de atención á clientela na Coruña.

Segundo a vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, prescindir da atención en galego, “ademais de ofrecer unha imaxe moi negativa de Gas Natural Fenosa, suporía unha vulneración dos dereitos lingüísticos que a lexislación lle recoñece á cidadanía galega”.

Neste sentido, advertiu a Gas Natural Fenosa que “denunciará e animará á sociedade a denunciar” ante as oficinas de Consumo calquera obstáculo á atención en galego por parte da compañía.