COMO DICILO?

A virada

Minchiñas
Minchiñas  

Falabamos no artigo anterior da diferenza entre o galego mariñeiro, o da nosa beiramar, e o do interior. Tampouco o galego mareiro constitúe un falar homoxéneo e hai variantes entre unhas áreas e subáreas e outras. No libro do filólogo Francisco Fernández Rei Dialectoloxía da lingua galega (Xerais, Vigo, 1990) podemos atopar unha cabal e rigorosa información con útiles cadros, gráficos e planos. Nós limitarémonos a sinalar que a costa galega da provincia de Pontevedra e case toda a da Coruña usa na pronuncia a gheada (ghato) fronte a case toda a da provincia de Lugo (gato) e que a zona de seseo total (quer inicial como en sinco, quer final como en des)  é algo máis reducida, pois entre ela e a de non seseo (cinco, dez)  se atopa unha franxa de seseo unicamente final (des pero cinco). Outros varios trazos lingüísticos diferencian zonas e subzonas.

O léxico tamén as diferencian e —a maiores da riqueza e da multiplicidade de nomes locais de peixes e mariscos que atopamos na nosa beiramar— ás veces facemos unha oposición algo simplista de máis. Opomos, asi, moitas veces, o galego "das rías baixas"  co seu rapante,  polbo,  lura e caramuxo ao "das rías altas" coa súa meiga, pulpo, calamar e mincha.

Mais isto nin sempre foi exactamente así nin continúa a selo hoxe. Podemos, por exemplo, recoller unha locución como andar ás minchas/estar nas minchas ‘andar perdido, aboiado, ensimesmado’ no Morrazo ou en Portonovo. Claro que hai quen emprega andar ás minchas como ‘pasar fame, subsistir con dificultade’. A mincha é un molusco moi pequeniño, de aí que se lle chame un/unha mincha, un/unha minchiña ou minchiñas a alguén moi pequeno. Adoita comerse fervido, por iso mandar alguén a fritir minchas é mandalo a facer algo que resulta case imposíble, coma quen di mandalo a paseo.

Unha locución moi popular na Galiza mariñeira fala da virada, que en sentido propio é a manobra dunha embarcación dar volta, de virar no mar, ás veces nun espazo pequeno que a fai unha operación difícil. Por iso, en sentido figurado podemos escoitar Se me dá a virada, mañán paso pola túa casa ou Ao final tiven un problema e non me deu a virada.

O peixe, nos mercados ou polas rúas, transportábase e exhibíase maiormente en cestas chamadas patelas, nas que aínda fresquiño ía saltando. De aí que, con orgullo, se díga aínda en sentido figurado na nosa beiramar Na patela!  é dicir ‘Velaquí están! Non conto mentira ningunha! Velaquí os tés! Feitos e non palabras!’

E desde logo, o que non se pode é enganar, meter un merlo no medio do peixe. É natural que o mariñeiro ou a peixeira  que non enganan, protesten: Ei, ti ! Cóllesme o folio cambiado! o que traducido ao galego xeral —xa que o folio é o documento de identificación do barco— quere dicir Ei, engánaste, que eu non son ese ou esa que pensas!

As cousas deben estar sempre claras e para iso, para que non se enleen e atrapallen  derramando a pesca, non podemos deixar liar o palangre.

Porque aínda que hai quen di que no mar todo é peixe ou que todo o que vén na rede é peixe, é dicir ‘todo vale, todo se aproveita ou todo se pode facer’, os feitos contemporáneos desménteno pois a este paso vai haber só plástico en lugar de peixe.

E non se pode vender o peixe antes de pescalo, facendo castelos no aire e soñando con proxectos que non van adiante porque carecen de base, como no conto da leiteira.

Penso que cómpre considerar máis que unha simple curiosidade o feito de dicirmos en galego de alguén —como prototipo irónico— que é un bo peixe, cando en español se di es un buen pájaro. Porque en Galiza, mesmo na interior, o mar está sempre presente; velaí outra proba: no seu utilísimo dicionario Crespo Pozo (Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego, 4 vols, 1972-1985) recolle como  os xogadores de Verín usan a frase que xa citamos Non chores, que aínda non caíches no mar para significar que aínda non está perdida a partida.

Poidamos os galegos seguir dicindo aquilo de Para mariñeiros, nós!

E para mariñeiras!


 



x