Abaixo os hipsters, arriba as boinas

Abaixo os hipsters, arriba as boinas

Volven os rapaces e rapazas do IES  de Vila de Cruces con máis iniciativas a prol da lingua. Agora queren que nos modernicemos, é dicir, que poñamos boina. Os hipsters xa están 'out'. 


O Proxecto Boina de Ouro é unha actividade creada polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. "O lema, "Modernízate, pon boina", quere mostrar a intención de renovar a imaxe tradicional da boina e promovela como accesorio de vangarda estética.  Os "hipsters" están pasados de moda, chegou o tempo dos "boiners", apuntan desde o Clube. 

O  propósito desta iniciativa é poñer de moda este accesorio tradicional galego  e promover o uso da nosa lingua nas redes sociais, identificando o noso idioma coas últimas tendencias, a vangarda e o mundo da moda e da fotografía. O obxectivo é crear espazos de relación en galego, vinculando o noso idioma aos espazos sociais da xente nova.

Outro obxectivo é promover valores de igualdade e un proceso de reflexión para a educación non sexista, criticando as dinámicas que cousifican as mulleres no mundo da moda. Ademais, o Clube quere promover o humor como ferramenta necesaria nos procesos educativos, así como a relación do ámbito educativo con outros ámbitos sociais. 

Para isto estase a facer un concurso de fotografía que consta de dúas categorías: Premio BOINA DE OURO, no que se terá en conta a calidade, orixinalidade, creatividade e o valor sociocultural da fotografía. E premio BOINA DA SIMPATÍA que ten como obxectivo a participación das redes sociais con fotografías realizadas espontáneamente; con teléfonos, selfies, de grupo... Para impulsar a imaxe da boina con humor e simpatía.

No xurado, a parte de alumnado e profesorado do IES Marco do Camballón, participarán Elena Ferro, a zoqueira de Merza, representando ao mundo da moda, e a tenda de fotografia Bernabé. Haberá un único premio por categoría que consistirá nunha boina bordada para a ocasión. O prazo do concurso: a tempada outono-inverno.