A Mesa denuncia que Abanca impón o castelán

A Mesa denuncia que Abanca impón o castelán

A entidade bancaria asegura que se debe a que o crédito se tramita en Madrid, indica A Mesa nun comunicado.


A Mesa denuncia que a entidade presidida polo banqueiro venezuelano Juan Carlos Escotet impón o uso do español nos contratos, información e comunicación cos clientes.

A entidade cívica de apoio á lingua galega enviou unha solicitude de encontro dirixido tanto ao presidente de Abanca e Banesco, Juan Carlos Escotet, como ao Conselleiro delegado, Francisco Botas, que se engade á xa remitida e sen resposta de xuño do 2014.

No artigo 5º do modelo da entidade financeira de contrato de crédito ao consumo incorporan un punto denominado “Régimen lingüístico” no que aseguran que “la información y términos contractuales se facilitará en castellano. Con su consentimiento, durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”. Segundo a queixa, informa A Mesa, esta cláusula non se pode modificar, obrigando a asinar e renunciar ao emprego do galego como condición para contratar o crédito.

A entidade bancaria asegura que se debe a que o crédito se tramita en Madrid, indica A Mesa. “Non sabemos se o crédito se tramita en Madrid ou en Caracas, mais o certo é que o propio modelo de contrato sinala que a sede de ABANCA está no Cantón de Claudino Pita, en Betanzos”, manifestou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

Marcos Maceira, presidente da MNL, cualificou a cláusula como “unha coacción inadmisíbel” e engadiu que se trata “dun consentimento forzoso que só ten como fin a renuncia do cliente á lingua propia de Galiza”.

A Mesa está disposta a promover mudanzas de contas ás entidades que garantan a posibilidade de uso normal do galego. En 2004, persoas socias e non socias, da Mesa -que sobrepasaban os 18 millóns de euros só en nóminas domiciliadas en Abanca- achegaron escritos para que asociación en defensa da lingua actuase no seu nome e impulsar o uso do galego; mostrándose dispostas a mudar para as entidades bancarias que garantisen a posibilidade de relación en galego.