EMPRAZA A XUNTA A QUE POÑA EN MARCHA O PLANO DE NORMALIZACIÓN

A Academia súmase ao clamor social polo galego

A Academia súmase ao clamor social polo galego
Presentación na Academia
Presentación na Academia  

Unha semana antes de que se desenvolva a manifestación de Queremos Galego, a Academia fai pública unha declaración institucional na que se suma ao clamor social polo galego. Esixe o cumprimento do Plan de Normalización e reafírmase no recurso ao decreto do plurilingüismo. 


A poucos días de que se desenvolva a manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela o vindeiro día 8 de febreiro, a Real Academia Galega fixo pública unha declaración institucional na que recoñece o pulso social na defensa e a transmisión do idioma. Diríxese á Xunta para que tome a iniciativa no proceso de normalización. 

“O galego dá vida, pola vida do galego” é o título da declaración que foi presentada na sede da Rúa Tabernas da Coruña polo presidente da institución Xesús Alonso Montero, acompañado por académicos e académicas como Margarita Ledo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Xosé Luís Regueira, Henrique Monteagudo ou Andrés Torres Queiruga. 

A Academia parte do  “preocupante retroceso” do uso da lingua, en especial nas novas xeracións, que se evidencia nos datos da enquisa do IGE e esixe o cumprimento do Plan de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade parlamentar en 2004. “É responsabilidade do goberno galego asumilo, poñendo en marcha as medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación”, sinalan nunha das referencias nas que a declaración se dirixe directamente ao goberno galego. As outras atópanse case no fin do documento na que a RAG insiste en que é á Xunta a quen lle corresponde “tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando”. Ao goberno galego lémbralle que é quen conta cos “recursos máis poderosos e os instrumentos máis eficaces para conseguilo, ademais de estaren legal e moralmente obrigadas a facelo”. 

Derrogación do decreto recorrido 

A Academia refírese tamén no punto segundo da declaración ao decreto de plurilingüísmo que ten recorrido e reclama “a súa derrogación e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino”. 

Facilitar materiais para promover a transmisión ás novas xeracións, promover o galego na Universidade, nos medios de comunicación, no ámbito empresarial, sindical, comercial, profesional e publicitario ou nas institucións públicas son outras das preocupacións que manifesta a Academia na súa declaración, algunhas delas recollidas tamén no manifesto de Queremos Galego para a mobilización do vindeiro 8F “Polas fillas dos nosos fillos”. 

“Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado”, sinalan desde a Academia

“Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado”, sinalan desde a Academia ao tempo que defenden que “a mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas”, cerne tamén da mobilización como queda á vista no propio lema da convocatoria. 

A Mesa valora positivamente a declaración

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira valorou “positivamente que nun momento de tanta urxencia para a lingua a Academia publique esta declaración institucional que, en boa parte, coincide coas razóns que nos levan á convocatoria do 8F”. Para o presidente da MNL, entidade promotora da plataforma Queremos Galego, “o contido axústase ao que levamos mantendo moito tempo e consideramos que esta é a actitude que cómpre manter porque estamos a xogar o futuro da lingua do país”. “O goberno de Feijóo ten que tomar nota diso porque, como se está a ver, a súa política anti-galega suscita un rexeitamento unánime no seo da sociedade”, engade Maceira. 



x