Activistas da Mesa desaloxadas do Pleno de Ourense por pedir a Jácome “respecto” para o galego

Activistas da Mesa desaloxadas do Pleno de Ourense por pedir a Jácome “respecto” para o galego
Un momento da protesta no salón de plenos de Ourense (imaxe: @BNGOUrense)
Un momento da protesta no salón de plenos de Ourense (imaxe: @BNGOUrense)  

A MNL reclámalle ao alcalde de Ourense que  "cumpra co seu deber de defensa e promoción do galego” e repróchalle que cando use a lingua propia da Galiza sexa para “desprestixiala”.

 


A Policía Local de Ourense desaloxou na mañá desta segunda feira do Pleno municipal as activistas da Mesa que protestaban pola actitude do alcalde, Pérez Jácome, a respecto do galego.Un grupo de persoas despregaron cartaces co lema “Eu quero o galego” no inicio da sesión plenaria e reivindicaron que Jácome cumpra co estipulado no estatuto de autonomía e Lei de normalización Lingüística a respecto da lingua propia da Galiza.

Nun folleto repartido momentos antes, estas activistas lamentaban que o rexedor ourensán non use o galego nos actos oficiaise cando usa esta lingua sexa para “aldraxala e desprestixiala”. Unha reclamación que apoiaron con lemas e cánticos, o que motivou o desaloxo, que se fixo sen problemas e acompañados por axentes da Policía Local.

Activistas destacan que, en contra do que é habitual, e perante esta protesta, o alcalde iniciou o pleno falando galego. O responsábel da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, advertiu ao alcalde de que a entidade de defensa da lingua non consentirá a actitude de desprezo ao galego que mantén, e que voltará ao pleno e continuará as protestas mentres o alcalde manteña esa actitude. “O rexeitamento da lingua galega como sinal máis característico de Ourense, unha das principais capitais galegas, é unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade”.

A Mesa anuncia que voltará todas as veces que cumpra para facer valer as obrigas que ten Xácome cara ao noso principal sinal de identidade.