As administracións públicas lideran as vulneracións dos dereitos das persoas galegofalantes

As administracións públicas lideran as vulneracións dos dereitos das persoas galegofalantes
Delegación da Xunta en Lugo.
Delegación da Xunta en Lugo.  

A reacción de dúas funcionarias da delegación da Xunta en Lugo a unha persoa usuaria (“Yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”) pon sobre a mesa os casos de conculcación do dereito a ser atendidos en galego polas administracións públicas.


“Para ser atendido en gallego, llame más tarde”; “Le paso con alguien que pueda atender su solicitud”, ao tempo que colgan o teléfono. “Pero vamos a ver, ¿usted no entiende el castellano?”.  Son algunhas das queixas sobre o trato na administración pública tramitadas na Liña do galego da Mesa pola Normalización Lingüística e que demostran que aínda estamos lonxe de ter una situación de normalidade para o galego.

 

“A administración autonómica ten funcións e competencias para garantir estes dereitos e non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego”, denuncian neste informe, presentado recentemente.

 

Das perto de 300 queixas tramitadas por este servizo, 56% corresponden á administración de institucións públicas. Delas, case a metade caen no saco da administración autonómica (47%), mentres que 31% corresponden a administración local e 22%, a estatal.

 

E, dentro desas case 300 queixas, cal é o principal obxecto de denuncia? Pois en 38% a discriminación e exclusión lingüística. “Cun compromiso claro da Xunta de Galiza a situación sería diferente como mostran a cantidade de servizos que teñen e ofertan atención e información en castelán, catalán e euskera, desprezando a existencia da lingua galega. Sobra explicar que a sensibilidade dos gobernos vasco e catalán cara ás súas linguas é diferente á do galego e como iso se traslada á actividade empresarial”, indícase no informe.

 

A Mesa denuncia que as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren "e vulnéranse con total impunidade", o que contrasta, afirman, "co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais".

 



x