PALABRAS CON MEMORIA

A algúns estálles de sobra ou a palabra ou a obra

A algúns estálles de sobra ou a palabra ou a obra
Nun grupo de xente pode acabar habendo algún estrucias
Nun grupo de xente pode acabar habendo algún estrucias  

Día dos enganos.- Denominábase e hai quen segue denominando así ou “día das mentiras” ou o primeiro de abril. 
Exemplo: “No primeiro de abril van os burros onde non deben ir”.
Lugar de escoita.- Pola Zona de Vigo, Cangas...
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.-  O asunto arrinca do século XVII en Francia coa implantación do calendario gregoriano. A celebración consiste en dar noticias falsas para enviar as persoas onde non deben ir e outro tipo de brincadeiras. Unha festa semellante á dos Santos Inocentes do 28 de decembro que quizais foi a que a ensombreceu. 

Estrucias.- Esturcias, persoa que fala sen xeito e incluso conta mentiras.
Exemplo: “Non lle fagas caso que é un estrucias de moito coidado”.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.

Chasco.- (Adx. e subst./Ademais de significados xa rexistrados). Presuntuoso, finxido, de aparencia enganosa.
Exemplo: “Con ese non quero saber nada, que é un chasco”.
Lugar de escoita.- Melide.
Fonte.- Henrique Harguindey.

Trapelexar.- Barallar sen límites.
Exemplo: “Este non para de trapelexar”.
Lugar de escoita.- Ourense.
Fonte.- Arturo Lezcano Fernández.

Tuteada.- Cornetada, chocallada.
Exemplo: “Vaia tuteada lle fixeron ao pobre do noivo”.
Lugar de escoita.- Taboadelo (Ponte Caldelas).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Tutear.- Burlarse dos defectos de alguén, imitándoo.
Exemplo: “Estivo tuteando a todos os que pasaron polo bar”.
Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Xalvaraxón.- Dise do que fai as cousas de modo descoidado, de calquera maneira. 
Exemplo: “Saca de aí, que es un xalvaraxón e deixas todo tirado”.
Lugar de escoita.- Castrelo (concello de Forcarei).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Publicamos este texto a título póstumo como tributo ao seu autor, Isidro Novo, falecido esta quinta feira.