AULAS DE LINGUA E CULTURA

Alumnado de máis de vinte países estudará galego nos cursos da Academia

Alumnado de máis de vinte países estudará galego nos cursos da Academia
Imaxe dunha visita á catedral de Compostela nos cursos de lingua e cultura galega da Real Academia Galega. Foto: RAG.
Imaxe dunha visita á catedral de Compostela nos cursos de lingua e cultura galega da Real Academia Galega. Foto: RAG.  

De Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal ou Venezuela procede o alumnado que, desde esta terza feira 2 de xullo, aprenderá lingua e cultura galega nos cursos ofertados pola Real Academia Galega.


As aulas estenderanse até o 24 de xullo e combinarán “clases teóricas e prácticas sobre o idioma e a cultura de Galiza con palestras, excursións e obradoiros”. Será o presidente da Academia, Víctor Freixanes, o encargado de impartir a conferencia inaugural a quinta feira 4 de xullo na propia sede da institución.

En xornadas sucesivas intervirán o músico e escritor Antón Reixa, a música Paulina Ceremuzynska, a xornalista María Yáñez, o poeta Celso Fernández Sanmartín, o presidente da fundación Rosalía Anxo Angueira, o dramaturgo Quico Cadaval e o arqueólogo Jorge Suárez Otero. Os participantes tamén recibirán, se así o queren, obradoiros de música e baile tradicional.

Os cursos, de nome Galego sen fronteiras, atinxen a súa edición número 32, codirixida polos académicos Henrique Monteagudo e Xosé Lois Regueira. Á organización da Real Academia Galega contribúe tamén o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e apóiano a Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.