PALABRAS CON MEMORIA

Palabras con memoria: Antes de falar mira para ti...

Palabras con memoria: Antes de falar mira para ti...

andrés.- Denomínase así á persoa desaliñada, desleixada.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Ramón e Leonor Boix Gende/ CPI O Cruce de Cerceda.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.

auga de ourizos.- (Con seseo) Dise de algo que non vale para nada.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Outros apuntamentos.- Adoita dicirse con gheada e pode que tamén coa vogal cambiada de sitio: aghua de ourizos.

correlorcho.- No ambiente futbolístico dise do/a xogador/a que non destaca polas súas virtudes técnicas.

Lugar de escoita.- Lugo.

Fonte.- Isidro Novo.

felo/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa esperpéntica ou moi fea.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

gouxo/a.- Chepudo/a, marreco/a.

Exemplo: "Un deles era algho ghouxo, era ghouxiño."

Lugar de escoita.- O Hío (Cangas do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Outros apuntamentos.- Polo exemplo que nos envía a fonte, observamos que adoita pronunciarse con gheada.

melfa/o.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa que ten a mandíbula inferior adiantada.

Lugar de escoita.- Ortigueira.

Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.

puldurú.- Insignificante, pouca cousa, sen importancia.

Exemplo: "Como vai ser o meu mozo ese puldurú?"

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.