De ‘antitourada’ a ‘webisodio’: 2.000 novos neoloxismos en lingua galega en só 11 meses

De ‘antitourada’ a ‘webisodio’: 2.000 novos neoloxismos en lingua galega en só 11 meses
neoloxismos observatorio uni vigo
neoloxismos observatorio uni vigo  

Especialistas da Universidade detectan 2.144 novas palabras no idioma galego. A extracción destes neoloxismos realízase a partir dun corpus de análise constituído por varias publicacións, entre elas Sermos Galiza.


Un total de 2.144 novas palabras para o idioma galego en só un ano. Detectadas polo Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, un equipo de traballo con máis de 20 anos de experiencia. Entre esas palabras figuran sexodiversidade, deseucaliptizar, bioinformática, antitouradas ou cibercrime, entre algúns exemplos.

Como explica D. Besadío no Diario da Universidade de Vigo, entre os casos que máis chaman a atención, “por producir un impacto neolóxico moi salientábel”, destacan palabras como sexodiversidade, webisodio –episodio dunha serie producida para Internet-, neorretranca, cinear –dirixir películas-, eucaliptizar, deseucaliptizar, deseucaliptizador ou ecocabicha. “Porén, tamén é interesante ver, por exemplo a rendibilidade de certos compostos como biodanza, biofilm, bioinformática, cibermedio, cibervoluntario, cibercrime, ecofascista, ecocidade, ecogranxa; ou a de certos prefixos ou sufixos en binormativismo, capacitismo, hiperreducionismo, decisionismo, ultramorte; ou a de certos préstamos como podcasting, hater -nunha rede social- ou mentoring”, explica Xosé María Gómez Clemente, docente do departamento de Filoloxía Galega e Latina e un dos directores do Observatorio, quen pon encima da mesa a posibilidade de que no futuro se puidese escoller o neoloxismo do ano, despois de votar as falantes, unha iniciativa que se podería unir á da ‘palabra do ano’ que desenvolve a Real Academia Galega.

A meirande parte destes candidatos a neoloxismos créanse a partir de procedementos que identifican como formais (recuncamento, breoganista, antiausteridade, neotopónimo, contrapiquetes, aerotermia, autopublicidade...), unha oitava parte, aproximadamente, son estranxeirismos maioritariamente sen adaptar (quiche, photocall, fake news, calzone...) e hai tamén algúns exemplos de neoloxismos semánticos (tuiter, tubo...).

A extracción destas novas palabras realízase a partir dun corpus de análise constituído por publicacións en liña como Sermos Galiza, Código Cero, Galicia Confidencial, GCiencia, Praza Pública ou o propio Diario Dixital da Universidade de Vigo, Duvi. “O número de neoloxismos depende, entre outras cousas, da cantidade de fontes que se analicen. Nestes momentos nós analizamos 13 (prensa e blogs): dúas delas semanalmente, os xornais Sermos Galiza e Praza Pública; as outras unha vez ao mes”, salienta Rodríguez Guerra, outro dos directores do Observatorio. “A cantidade de 2.144 novas palabras distintas en 11 meses amosa suficientemente o grao de vitalidade da lingua galega, unha situación bastante semellante á que pode ocorrer en linguas como o catalán, o español, o portugués ou o italiano”, recalca o docente.

Para ser considerado un neoloxismo, desde o observatorio teñen que comprobar que cumpre definitivamente con algunhas das características xerais que estas unidades teñen: o feito de non estaren no dicionario é un criterio que se aplica a través do programa pero necesítase tamén comprobar se hai un criterio obxectivo de novidade na palabra, se é percibida coma tal polos falantes e se se pode documentar unha determinada extensión do seu uso.

Na actualidade a Neoteca da Uvigo contén máis de 10.000 rexistros neolóxicos identificados e documentados nun corpus de prensa galega publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual, datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación léxica.

O Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo está dirixido polos docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Xosé María Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra e do que tamén forman parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Gema Rocha Molina e Anabel Garrido García.