Apenas 4’6% da programación infantil diaria é en galego e na fin de semana cae a 2,7%

Apenas 4’6% da programación infantil diaria é en galego e na fin de semana cae a 2,7%

A Mesa reclama a creación dunha terceira canle infantil na TVG e que a Xunta actúe para garantir a opción de dobraxe en galego en todas as canles da TDT


A presenza do galego na programación infantil é case nula. Menos de 5%, segundo os datos que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística no seu informe “Situación da lingua galega na programación televisiva infantil’ elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos. Un documento onde fica claro o que A Mesa cualifica como “o alarmante retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva infantil malia as posibilidades técnicas da TDT”.

O galego na grella televisiva infantil está en 4,6% na programación diaria e en 2,7% na fin de semana. Malia o estabelecido na lexislación estatal e autonómica sobre o audiovisual e a pesar das enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar as emisións en galego significativamente, a realidade é que o idioma propio nestes campos é ’rara avis’. 

A exclusión do galego no audiovisual afecta tamén a continuidade de produtos que xa contan con dobraxe ao galego, explica a MNL. O informe alerta da exclusión de galego mesmo en series e debuxos animados con contidos infantís que gozaron de éxito na TVG na súa comercialización en DVD ou App, desprezándose traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, asegurou que “é lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira denunciou que “a presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe que hai 20 anos afondando na exclusión e subordinación do galego e engando á infancia o mínimo acceso a contidos no noso idioma”.

Para corrixir esta situación, a Mesa propón sete medidas para unha maior presenza do galego no ámbito do lecer das crianzas: a TVG debe aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade, incluída a creación dunha terceira canle exclusiva para programación infantil. A CRTVE debe garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil e xuvenil da canle específica da emisora pública estatal. O goberno galego debe adoptar as medidas e accións precisas a través de acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada ao galego en todas as canles. Activar as licenzas galegas de TDT existentes e crear outras novas como maneira de garantir a presenza da lingua galega e de contidos de produción galega con especial atención ao público infantil e xuvenil. Débese garantir unha oferta mínima de DVD e outro material audiovisual en galego ou con opcións de lexendas no noso idioma. As autoridades deben promover programas, xogos informáticos e todo tipo de aplicación adaptadas ao galego. O goberno galego debe adoptar as medidas necesarias que permitan a visualización en Galiza da RTP segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.