COMO DICILO?

Apertar a porca

Apertar a porca
Apertando a porca
Apertando a porca  

Unha acepción da palabra porca é, segundo o dicionario da Academia Galega, a de “Peza de metal cun oco no centro, labrado en espiral, onde se enrosca o parafuso". O mesmo en portugués, onde, como en galego, se usa con frecuencia nos contextos de apertar, desapertar, soltar, etc. Tamén se pode empregar nun sentido figurado - paralelo ao que ten na frase dar unha volta de porca – para significar un paso adiante no progreso ou endurecemento de medidas, por exemplo na frase é unha nova volta de porca contra as liberdades

 

Este significado figurado, aceptado pola normativa galega, non tEn moito emprego en portugués. Os lusos prefiren outras construcións que en principio son semellantes como apertar o torniquete ou apertar o parafuso. Tamén botan man de todas aquelas que, sendo diferentes, cadran na nova frase co sentido orixinal: outro passo em frente, uma nova abordagem, novas possibilidades, uma utilidade extra, um novo impulso, uma reviravolta, uma guinada, uma torção, etc.

 

Hai dúas razóns para o portugués abrirse tanto a construcións diferentes e evitar aqueloutra. A primeira é que a palabra porca fai pensar antes de máis nada no animal e no adxectivo tirado del (‘suja’); e a segunda é que parece tratarse dun uso importado. O lingüista José Pedro Machado dinos tocante á palabra “não se sabe até que ponto este vocábulo é vernáculo”, para nos informar a seguido que a máis antiga referencia que el coñece sería a edición de 1813 do dicionario de Morais.

 

Igual acontece en galego. A locución dar unha volta de porca é recente e a palabra porca no sentido que apuntamos aparece por primeira vez, que saibamos, no dicionario de Eladio Rodríguez González (1958-61). Serodia, logo, e provocadora da mesma incómoda asociación que xa comentamos.

 

A reserva das galegas e galegos a empregala (tanto no uso literal como no figurado) xoga a prol da posibilidade de formas alternativas, igual que vimos en portugués. Mesmo poderiamos pensar en utilizar palabras como apertadela ou calcadela. Por exemplo: A empresa deulle unha nova apertadela á situación dos traballadores. Reescribamos coa mesma a frase que puxemos enriba por exemplo: É unha nova calcadela contra as liberdades.

 

Claro está que podemos tamén empregar unha locución sinónima máis antiga e totalmente galega: apertar as caravillas. Por exemplo: Vas ter que lle apertar as caravillas ao rapaz, senón non che fai caso. Ou, se queremos, outra semellante a ela: apertar as cuñas.

 

Como se ve, temos abondo onde escoller.