Apoderamento, "deseucaliptización', fariña, fascismo, feminismo e sororidade optan a ser Palabra do Ano 2018

Apoderamento, "deseucaliptización', fariña, fascismo, feminismo e sororidade optan a ser Palabra do Ano 2018

Na primeira fase da campaña recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes.


Apoderamento, "deseucaliptización'", fariña, fascismo, feminismo e sororidade. Eis as seis palabras que optan a se converter na Palabra do Ano 2018 tras a fase de recollida de suxestións A votación que decidirá cal é a gañadora permanecerá aberta ata o 25 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón. A Palabra do Ano 2018 darase a coñecer o vindeiro 27 de decembro.

Na primeira fase da campaña recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes. Calquera dos finalistas cumpren requisitos claros para se converter no elixido polo público: ser dos máis repetidos na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de identidade.

Feminismo figura entre as candidatas xusto nun ano en que as mulleres encheron o 8 de marzo masivamente ás rúas de toda Galiza. O Dicionario explica que é "doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller", un pensamento que tamén marca a sororidade, que pode definirse como o pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes.

Outra voz que emerxe con forza neste contexto é apoderamento. Incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega o pasado outubro, designa nunha das súas acepcións o "proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais". O exemplo escollido, e non por casualidade, é o do "apoderamento feminino".

Non é a primeira vez que vocábulos relacionados coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chegan a finalistas da Palabra do Ano, aínda que nesta ocasión o abano é máis amplo. De igual xeito, volveron situarse entre as propostas máis repetidas aquelas que reflicten tensións e preocupacións que chegan desde a area política, como é o caso doutra das seis finalistas, fascismo; e arredor da xestión ambiental, desta volta con 'deseucaliptización' como destacada.

O ano que remata tamén lle deu unha nova vida ao termo fariña alén da nosa terra. O motivo nada ten que ver co cereal moído e moito co éxito da serie televisiva baseada no fenómeno do narcotráfico  na Galiza  dos anos 80 e co secuestro xudicial que sufriu o libro do xornalista Nacho Carretero, a súa fonte de inspiración.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Desde 2014 convida a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).