COMO DICILO?

Arrichar, por Henrique Harguindey

Arrichar, por Henrique Harguindey

Como arricha esta nena! Que arrichada está! dixemos máis dunha vez ante unha cativiña que espile e medra mostrando os seus avances e botándose de maior.  Naturalmente, é unha gabanza.

Empregamos tamén o verbo en sentido crítico ou burlesco : Mira ti o vello, como arricha! Neste caso non se botaría de máis maior senón de mozo, presumindo.

Trátase dunha palabra moi característica da nosa lingua. Tanto é así que é usada con frecuencia por galegos e galegas falando en castelán pensando que  o verbo arrichar existe nese idioma. Ocorre o mesmo que con outras palabras nosas (esmagar, reseso, colo ou pota) que non existen en castelán.

 O verbo arrichar non é pronominal, reflexivo, como erroneamente sinala o dicionario en liña da Academia Galega. Nin tampouco é exacta a definición que del dá.

Diciamos que a cativiña do exemplo era espelida, e o verbo espelir tampouco non existe en español : o seu equivalente sería espabilar. Espelido é sinónimo de esperto, vivo, rápido, intelixente, agudo, etc.

Algunhas locucións idiomáticas que caracterizan unha persoa espelida son Sentir nacer a herba (a frase completa sería Sentir nacer a herba baixo os pés), apañalas no aire ou sentilas vir, por exemplo :

 É dos que senten nacer a herba baixo os pés

Éche moi lista, apáñaas no aire

Non a enganan doadamente,  sénteas vir.

E comparanzas como :

 

É fino como a lá de gato,

 É listo coma un allo.

Claro que tamén espelir (como o castelán espabilar) é sinónimo de moverse, darse presa, andar rápido, etc.; sinónimo, logo, de bulir e mais de xurdir cando ten este último significado :

Vai bulindo para a casa, que te están esperando !

 Xurde, neno, que senón non chegamos !

E para despedida lembraremos hoxe un vello pregón con que as peixeiras ambulantes coruñesas e doutros portos de mar proclamaban a frescura das sardiñas que levaban na patela :

Van bulindo !