DENÚNCIAO A MESA

Arteijo, Tuy, Puentecaldelas, Rianjo: Wikipedia non permite a corrección da toponimia deturpada

Arteijo, Tuy, Puentecaldelas, Rianjo: Wikipedia non permite a corrección da toponimia deturpada
Toponimia deturpada
Toponimia deturpada  

 Denúnciao A Mesa pola Normalización Lingüística a respecto da Wikipedia en castelán.


Wikipedia ten como lema “a enciclopedia libre que calquera pode editar”. Mais non permite editar -e, por tanto, corrixir- a toponimia deturpada (casos como Arteijo, Tuy, Órdenes, Rianjo, Puentecaldelas ou Isla de Arosa entre outros moitos).  Denúnciano desde A Mesa pola Normalización Lingüística, que afirman que “cando procedemos a editar os topónimos deturpados desde Wikipedia voltan a cambialos e responden: “He revertido tu edición en Anexo: Municipios de Galicia por población por contravenir la política oficial TOES.”

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”. Co fin de cumprir esta obriga, a Xunta publicou decretos polos que se aprobaba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación de Galiza, e onde aparecen as formas toponímicas xenuínas e oficiais.

A organización denuncia que na convención específica para topónimos de España de Wikipedia en español recollen que os topónimos do Estado español deben utilizarse en castelán, e que aludir as leis que regulan o uso de topónimos non é un argumento válido xa que “regulan só o ámbito da correspondente documentación e sinalización oficial non o resto dos usos”. Para A Mesa, non é comprensíbel como para wikipedia "as leis non son un argumento válido”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, apuntou que “non empregar a forma oficial dos topónimos é unha discriminación e un ataque directo cara á lingua galega”.