Aumenta o uso do galego na USC nos traballos de fin de grao e de mestrado

Aumenta o uso do galego na USC nos traballos de fin de grao e de mestrado

O español continúa a ser amplamente maioritario (71% nos TFG e 69,8% nos TFM). O idioma elixido para facer estes traballos tamén garda relación co usado polo profesorado nas diferentes titulacións.


O español continúa a gañar por goleada na Universidade de Santiago de Compostela en canto a idioma a escoller para facer os traballos de fin de mestrado (TFM) e de grao (TFG). Un peso moi maioritario. Porén, e segundo os dados de O Cartafol (boletín de normalización lingüística da USC), en 2018 houbo un aumento da presenza do galego. Pequeno, leve, lixeiro, mais aumento.

O 2018 defendéronse 3.286 traballos de fin de grao na USC en 59 titulacións. A lingua máis utilizada na redacción destes traballos foi o castelán (en 2.408 traballos); a seguir o galego (en 718 TFG). Na primeira realizáronse 71,1% dos traballos cando en 2017 foran 74%. Pola contra, naquel 2017 en galego estaban 21,9% dos TFG e en 2018 foron 25,3%, o que supón 3 puntos máis. O Cartafol indica que “a media dos usos lingüísticos do alumnado nas súas tarefas académicas, como poden ser os TFG, que se representan aquí, é análoga  á media dos usos dos docentes.”

Na defensa oral, os datos varían lixeiramente: úsase menos o castelán (os 2.408 traballos diminúen ata 2.324) e o inglés (de 89 a 76: só os do grao de Lingua e literatura inglesa) e medra o galego (sobe ata os 2.324).

Os relacionados coas Ciencias da Saúde son os graos que máis utilizan o español na docencia (por parte do PDI) e nos TFG do alumnado, nuns niveis moi similares: no 96% dos de Medicina, no 93% dos de Farmacia e no 81% dos traballos de fin de grao de Enfermaría.

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría Química, con 38 traballos só en castelán.

En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán: Ciencias da Cultura, Xeografía e Historia, Mestre en Educación Primaria e Educación Infantil de Santiago, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Lingua e Literatura Galegas. Estas seis titulacións tamén son as que máis usan o galego na docencia. En xeral, insisten desde O Cartafol, os usos lingüísticos nos TFG son un espello das linguas utilizadas polo PDI na súa docencia.

.

Mestrado

En 2018 defendéronse na USC  1.086 traballos de fin de mestrado en 133 titulacións. O panorama lingüístico volve estar dominado amplamente polo castelán. Foi a lingua utilizada para redactar 759 TFM e en galego están redactados 278. Isto é, 69,8% e 25,6% do total. En 2017 foran, respectivamente, 71% e 23,5%. DE novo, e como aconteceu nos traballos de fin de grao, aumenta o uso do galego.

O pasado curso impartíronse 137 mestrados (incluíndo varias edicións dun mesmo mestrado, especialidades diferentes ou campus distintos). O Máster Universitario en Avogacía (Santiago) foi a titulación en que máis TFM se presentaron, con 54, só un deles en galego e o resto en castelán.

En 15 dos 133 máster, ben repartidos por todas as grandes áreas, non se elaborou ningún TFM en galego. Pola contra, nos mestrados en Arqueoloxía, Enxeñaría Agronómica, Estudos Avanzados sobre a linguaxe, Historia Contemporánea; Igualdade, Xénero e Educación; Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial; Servizos Culturais; Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, o número de traballos en galego superou ao de castelán.

Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM mediante os Premios á calidade lingüística, por unha banda, e, por outra, fornecendo os modelos de traballos de fin de grao e de fin de mestrado no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que se ofrecen en formato Word e en formato LibreOffice.