ONOMÁSTICA

Aumentan as Antías, Uxías, os Brais e os Antóns

Aumentan as Antías, Uxías, os Brais e os Antóns
Un carro para un bebé [Europa Press]
Un carro para un bebé [Europa Press]  

Que nomes elixen as galegas e galegos para lles poñer as súas crianzas? Sofía e Mateo. Estes son os dous nomes máis repetidos ao longo de 2018. As formas só galegas aumentan a respecto do ano anterior.


Antía e Uxía e Brais e Antón son as formas galegas que as familias elixiron para as súas fillas e fillos en 2018, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. Entre os cincuenta nomes máis usados tamén se atopan Roi, Xoel, Xián, André e Breixo, así como Sabela, Xiana e Lúa.

O nome máis empregado en 2018 foi Mateo (310 veces), que desbancou Martín, mentres que Sofía foi o máis elixido para as nenas. Despois de Martín, as familias elixiron Lucas (273), Hugo (228), Leo (169), Daniel (168), Manuel (160), Pablo (152), Gael (147) e Enzo (139). Entre eles suman case 25% dos nacementos dos nenos na Galiza.

Desaparecen dos 20 primeiros postos Diego, Mario e Álex, substituídos por Nicolás, Anxo e Roi, mentres que nas nenas soben na lista María, Lía e Mía en detrimento de Paula, Iria e Sabela.

Após Sofía (230 veces), as galegas e galegos elixen Noa (186 veces), Daniela (184), Martina (177) e Sara (152). Despois Valeria (142), Alba (134), Emma (130), Lara (129) e Lucía (125). Estes nomes representan 20% dos nacementos de nenas.

Só Noa, Sara, Hugo e Daniel permanecen entre os primeiros postos desde o ano 2008.