Axentes de defensa das linguas minorizadas demandan compromisos aos partidos políticos de cara ao 10N

Axentes de defensa das linguas minorizadas demandan compromisos aos partidos políticos de cara ao 10N
Marcos Maceira, presidente da MESA, na reunión en Valencia
Marcos Maceira, presidente da MESA, na reunión en Valencia  
A Mesa pola Normalización e outros axentes sociais que traballan pola normalización das linguas propias do Estado realizaron na quinta feira, 3 de outubro, unha reunión de traballo en Valencia na que concretaron varias liñas de traballo. 

A Mesa pola Normalización Lingüística, Acció Cultural del País Valencià, Iniciativa pol Asturianu, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Nogará, Kontseilua e Ciemen, todas elas entidades que traballan en defensa do aragonés, do asturiano, do catalán, do galego e do euskara presentaron, o pasado 10 de abril de 2019, en catro roldas de prensa simultáneas en diversos puntos do Estado, o documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia, no que recollen diversos compromisos que deberían tomar os partidos políticos. "Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán e as linguas minorizadas", explica en nota de prensa o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "e, por tanto, para conseguir igualdade, liberdade e democracia, é necesario, entre outras cousas, recoñecer idénticos dereitos e deberes a toda a cidadanía, contratar na administración pública persoal capacitado nas linguas minorizadas, normalizar o uso das linguas minorizadas nos xulgados e dar fin á imposición do castelán a través das normas. Ese é o eixo dos compromisos que redactamos".

"Hoxe en día existe un desequilibrio entre o castelán e as linguas minorizadas", declara Marcos Maceira

Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. "Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos", afirma Maceira, "demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento". Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.