COMO DICILO

Axiña

En toda parte haiche moita xente pronta para bulir axiña
En toda parte haiche moita xente pronta para bulir axiña  

Repararon as lectoras e os lectores en que nos últimos tempos está a desaparecer da lingua escrita a palabra axiña? Pois si, está sendo sistematicamente substituída pola palabra pronto. E se desaparece da escrita acabará desaparecendo da fala.

Existe unha explicación que imos expor. Mais, antes, unhas breves liñas sobre axiña e pronto:

O adverbio axiña (portugués asinha) parece proceder dun termo latino que só tería deixado descendentes en galegoportugués, en castelán (hoxe estes desaparecidos) e nalgún dialecto italiano. 

O adverbio pronto, tamén derivado do latín, existe pola contra en maior ou menor medida no conxunto das linguas románicas. En galego-portugués a palabra pode ser adxectivo (con sinónimos como disposto, preparado, disponíbel, rápido, inmediato e outros) ou ben adverbio (con sinónimos como decontado, deseguida, logo, cedo, etc.).

Por que, daquela, habendo variedade, se tende a substituír unha palabra nosa tan tradicional e viva como axiña (e tamén decontado e mais logo no sentido de “rapidamente, sen demora”) por pronto?

O motivo é dobre: o castelanismo -que nos impulsa á facilidade, a empregarmos o termo común co español esquecendo o autóctono e tradicional- e mais o uso moitas veces do tradutor automático, esa útil ferramenta informática que pode ter, se non se revisa o resultado, aspectos negativos que xa temos posto de relevo. O tradutor automático fornece un único resultado -aquel con que o “cargaron” ou o primeiro se ten varios- e este adoita ser o termo común co español (crecer fronte a medrar, recordar fronte a lembrar, taller fronte a obradoiro, ovas fronte a míllaras, nana fronte a arrolo, etc.). E a lingua españolízase e esvaise. Como na frase Basta xa! que en bo galego sería  Abonda! ou Abonda xa!

O tradutor automático fornece un único resultado -aquel con que o “cargaron” ou o primeiro se ten varios- e este adoita ser o termo común co español

Non se trata, naturalmente, de desbotar termos que son plenamente galegos, como pronto, crecer, ovas ou bastar, senón de promover as formas autóctonas totalmente vivas. De evitarmos, logo, que axiña apareza nos dicionarios (como acontece en portugués) sinalado como "arcaísmo".

O adxectivo e adverbio pronto -que é, por certo, a fórmula utilizada en italiano para chamar por teléfono, igual que en francés Allô!, en español Oiga! ou en portugués Estou? aínda que poidamos empregar outras como un sinxelo Si!- ten os seus usos igual que axiña, decontado ou logo teñen os seus.

Como por exemplo aquel de :


    … E pousa, pousa axiña
    e non me toques aquela cousiña!