COMO DICILO?

De balde, por Henrique Harguindey

De balde, por Henrique Harguindey

Gratis et amore, di unha expresión latina significando «por graza, (graciosamente, gratuitamente) e por amo ». E nós, os  falantes de distintas linguas–e case sempre sen sabelo- seguimos a empregar esa locución latina, agora abreviada en gratis :

Hoxe xantei unha laconada gratis

Poderiamos dicir tamén de balde, ‘sen coste, sen pagar’, expresión galega, portuguesa e española que procede do árabe. Primitivamente a expresión de balde ou en balde tiña o significado de ‘inutilmente, en van’ que aínda ás veces conserva :

            Se ves por aquí por verme,

            queridiño, Deus cho pague ;

            se ves por outra cousiña

            gastas zapatos en balde.

Hoxe,  en galego «coidado»,  esta locución está facendo desaparecer outras palabras que significan o mesmo, como a devandita gratis. Todo aparece caracterizado como de balde (aparcamento de balde, entrada de balde, viaxe de balde, etc.) e é raro atoparmos gratuíto, libre, etc. formas non menos galegas.

Naturalmente, aínda que as palabras e as expresións poidan coincidir no seu significado, ás veces o seu uso diferénciase pola utilización ou non que fagamos dela en distintos ámbitos sociais ou profesionais : é o que en Lingüistica se chama «rexistro » (rexistro culto, rexistro popular, rexistro familiar, rexistro científico, deportivo, etc.). Así, por exemplo de moca é unha locución equivalente a de balde mais de rexistro fundamentalmente familiar ou coloquial. Para ben ser, no exemplo que puxemos ao primeiro trocariamos seguramente tamén o verbo :
 

Hoxe papei unha laconada de moca

Ao ser a moca unha tradicional arma defensiva e ofensiva (tamén en portugués, onde ten como sinónimos cacete, clava ou maça) chamada en español cachiporra, asáltame a dúbida dunha hipotética explicación. Seica o motivo de ser convidado é pensar que é mellor asumirmos unha persoa o coste da outra antes do que recibirmos un golpe de moca ?

Derivaremos cara a un segundo balde, outra denominación do caldeiro, que a Academia Galega define así :

Substantivo masculino.

1 Recipiente, en forma de cono truncado ou de cilindro, cunha asa ou dúas, de madeira, metal, plástico etc., que se emprega para transportar e conter auga.

2 Por extensión: Calquera recipiente máis alto ca ancho e con asas.

3 Contido de calquera destes recipientes.

 Non hai acordo entre os etimoloxistas sobre a orixe desta palabra, que non procede do árabe como a da expresión xa comentada enriba. Joan Coromines considera que en castelán debeu entrar procedente do galego-portugués. O padre Sarmiento dicía en 1755 que o balde era “unha vasilla para auga, polo común de madeira con arcos”, o que lembra un tipo de sella, xusto o  que –en madeira ou metal- se segue a chamar no Morrazo un balde.

Despidámonos, xa, cunha cantiga popular que tamén xoga con dúas palabras que soan igual e significan distinto:

            Do queixo non che me queixo,

            que o queixo ben che me sabe;

            quéixome de quen mo vende

            que non mo deixa de balde.

Que presten o queixo e mais os peperetes das festas !



x