Bebendo nas palabras

Bebendo nas palabras
Xente a botar unha lapoirada
Xente a botar unha lapoirada  

arrancadeira.- Última consumición da noite.

Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

aureta/oureta.- Auga.

Lugar de escoita.- Comarca de Bergantiños.
Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos: É moi posíbel que derive da xiria dos canteiros.

lapoirada.- Grolo.

Lugar de escoita.- Raposo de Miraz (O Courel).
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

oranghe.- Refresco con gas, de calquera sabor.

Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos: Apunta a fonte que a palabra, tomada directamente do inglés, é usada unicamente polas persoas maiores. Deberon aprendela das etiquetas destas bebidas, aínda que a empregan para calquera sabor.

purriela.- A última augardente que sae cando se destila. Úsase para rebaixar augardentes demasiado fortes ou para facer licores por maceración.

En tempos ata se lle daba ás crianzas.
Lugar de escoita.- Cuntis.
Fonte.- Marcos Seixo.

Outros apuntamentos: Supón a fonte que poida estar relacionada con "purrela", denominación que se lle dá ao viño malo.

requicha.- Augardente de uva.
Lugar de escoita.- O Páramo (Lugo).
Fonte.- Suzana de Páramo.

zurrupia.- Mestura de líquidos (preferentemente con disolucións etílicas) de aspecto toldado, sucio.
Lugar de escoita.- Terra de Caldelas (As Barreiras, Poboeiros, Castro Caldelas)..
Fonte.- Xerardo Méndez.

Outros apuntamentos: A mesma fonte apunta que escoitou na Limia para ese significado zurrupia e churrupia.