COMO DICILO?

Bicos

Persoas a se bicaren
Persoas a se bicaren  

Unha das palabras máis populares do noso idioma -tanto entre propios como entre foráneos- é bico. A palabra esperta entre nós un inmediato sentimento de agarimo e de dozura. E, naturalmente a súa pegada na nosa lingua foi grande, tamén no eido da fraseoloxía.

 

Mais debemos contar antes algunhas cousas para que se entenda ben o que imos dicir.

 

O latín empregaba a palabra oscŭlum (que significaba literalmente "boquiña") para denominar o signo de afecto ou de saúdo que dá unha persoa pousando os beizos na fronte ou na cara doutra. Un bico lixeiro e casto. Para os bicos de pracer utilizaba outra palabra: bāsium. Esta distinción foi desaparecendo ao irse perdendo oscŭlum e ficar bāsium sen a carga erótica. Por parte, en latín entrou un termo de orixe celta, beccum para denominar o peteiro das aves, maiormente do galo.

 

Destas dúas palabras latinas proveñen as galegas beixo e bico. Ósculo é unha palabra que, como noutras linguas románicas, se utiliza só nun nivel moi culto.O galego preferiu dicir un bico e o portugués um beijo mais –como acabamos de dicir- o galego conserva nalgunhas zonas beixo e, a maiores, tamén creou o termo un chucho, cunha carga erótica clara, a partir do verbo chuchar

 

Ese uso metafórico do galego (bico da ave>punta da boca da persoa > acción de tocar con ese bico>xeneralización da acción nun emprego cariñoso) é moi característico da nosa lingua, mais non é exclusivo dela, pois, por exemplo, no francés de Suíza e do Quebec o tradicional é donner un bec e non donner un baiser.

 

Bico é unha palabra moi presente en galego que algunhas persoas substitúen sistematicamente por pico, o que non se debe facer pois, en primeiro lugar, non sempre son sinónimas e, en segundo, porque non debemos perder a súa riqueza e polivalencia.

 

Neste artigo limitarémonos ás expresións que sinalan o bico como zona da boca dalgúns animais como as aves ou o porco e mais das persoas. No caso destas últimas, o bico pode facer referencia ao queixelo e, sendo a boca o lugar polo que se emite a voz, temos locucións como calar o bico, non abrir o bico, pechar o bico ou ter moito bico. Torcer o bico indica desagrado por parte de quen fai ese aceno, igual que facer o bico é amuar, amosar expresión de ir chorar. Mollar o bico é beber e pasarlle a alguén unha cousa polo bico é –en sentido propio ou figurado- facerlla desexar, degorar. Finalmente, a frase Limpa o bico! utilízase para burlarse de alguén ao que se lle atribúe facerse demasiadas ilusións, como se babase de contento.

 

Rematemos por hoxe este bico cunha fermosa cantiga popular :

Eu quixera ser merliño

e ter o bico encarnado

para facer o meu niño

no teu cabelo dourado