COMO DICILO?

Cabeza, por Henrique Harguindey

Cabeza, por Henrique Harguindey
cabeza testa
cabeza testa  

Iniciamos hoxe -cando imos pondo remate a esta serie de artigos en Sermos- un rápidísimo e pequeniño percorrido do corpo humano no que á fraseoloxía se refire. Comezamos, loxicamente, pola cabeza ou testa, da que xa temos falado algo.

Enriba da testa adoita haber pelo e, en sentido figurado, cando é moi abondoso pódese dicir dunha persoa que ten moita tella. Naturalmente, un pelo é unha cousa miudiña, e de aí que cando faltou moi pouquiño para se realizar algo, dicimos que faltou un pelo (ou un peliño) para que acontecese. Claro que tamén podemos querer dicir –ironicamente- o contrario cando exclamamos Por un peliño de a metro !

Tamén é bulreira a afirmación de que a alguén lle chove na cabeza (ou que lle chove dentro) cando insinuamos que non lle funciona ben.

Distintas locucións caracterizan a expresión da cara : ter cara de ferreiro (‘de poucos amigos’), cara de can (‘hostil’), cara de pau (‘seria’), cara de lúa chea (‘redonda e cordial’), ter cara de leite fervido/ ser un caralavada (‘ser un desvergoñado’, en español caradura), etc. E un dito asegura dunha persoa que a cara llo dá, é dicir que os seus trazos faciais informan de como ela é. Cousa que a realidade non confirma.

Lembremos que a locución española de cara (‘gratis, de balde’) é en galego de moca.

Tamén temos sinalado xa expresións referentes aos ollos. Sinalamos aquí botar lume polos ollos (equivalente ao castelán echar chispas), varrérselle a un a vista (‘marearse, desmaiarse’), que tamén pode ser varrérselle o sentido / a memoria e mesmo o mundo, chorar a fío / ás cuncas / os sete chorares (‘chorar seguido, abundantemente’), e –chegando xa ao nariz- pingar o moco, forma paródica de dicir chorar moito.

A boca é unha das fontes máis ricas da fraseoloxía galega e universal  (cousa que non se diría, en vendo os poucos exemplos que aquí traemos); unha importante motivación é o seu papel no comer e outra –a maior aínda- no falar. Á fala refírense dicir coa lingua pequena (‘falar para un mesmo ou sen que se saiba moito’) e o seu contrario dicir a boca chea. Dicir algo de boca para fóra é só para aparentar, sen crer realmente no que se di, ser un boca podre ou un bocalán dise de alguén que emprega unha linguaxe mal considerada pola colectividade e andar na boca da xente, na boca do mundo ou na boca de todos é ser moi criticado socialmente.

Na boca temos a lingua (denominada ás veces coa expresión de a sen oso), e cando alguén fala de máis ou o que non debía dise que bota a lingua a pacer. Tamén falar moito é expresivamente darlle ao badal, en lembranza do son dos sinos ou campás, e máis darlle ao tarabelo, que nos remite a algo que dá voltas sen parar.

Na boca, chantados nas enxivas, están os dentes. Claro que non sempre estarán, pois cos anos van caíndo, xusto no momento en que á persoa se lle fai dificil traballar para sobrevivir. De aí este consello que ven da noite dos tempos : cómpre aforrar para a mantenza futura, hai que gañalo cos dentes para comelo coas enxivas.

E coidadiño, que os cantos dos beizos non son cancións senón recantos, comisuras, igual que as dos ollos !

Para expresarmos que estamos fartos de algo ou de alguén dicimos que estamos até as orellas (en español hasta la coronilla), locución que tamén pode constatar un simple estado de saturación, de encherse ao completo. Neste segundo suposto tendemos mellor a empregar cheo até os cumios (o pincho do tellado) en frase equivalente ao español lleno hasta la bandera/hasta los topes. E falando do máis alto sinalaremos a locución estar no peneiriño, no máis alto da atención pública, no foco da actualidade, equivalente ao español estar en el candelero ; traer unha persoa no peneiriño sería colmala de atención (como o español en palmitas)

Rematando co nariz -do que ben pouco falamos- reproduciremos uns versos que un día improvisou festivamente Eduardo Pondal :

Cando Eduardo Pondal

a unha ventana se asoma,

sal narís, narís, narís,

e a cara de alí a unha hora.

Igual o bardo bergantiñán tiña na mente unha cantiga popular que di :

Eu petei á túa porta

e no mesmo punto e hora

saíume narís, narís,

e a cara de alí a unha hora.

Teñamos sempre bo humor !