ESTUDO COÑECEMENTO E USO DO GALEGO (2013) IGE

Tres de cada catro menores de 15 anos non falan nunca ou case nunca en galego

Tres de cada catro menores de 15 anos non falan nunca ou case nunca en galego

Os falantes habituais do idioma propio caen ao 31% -do 43% de hai unha década-. O 22,7% das crianzas e adolescentes recoñece que sabe falar “nada ou pouco” o galego. 


A enquisa sobre coñecemento e uso do galego realizada polo IGE en 2013 e cuxos resultados veñen de publicarse profundiza na tendencia xa amosada nas sondaxes que o propio IGE realizou en 2008 e 2003: Perda continuada e constante de falantes de galego, cunhas novas xeracións para as que o idioma propio e falado aínda por ducias de milleiros de persoas é un absoluto estraño.

Apenas o 31 por cento das e dos galegos falan sempre en galego. Hai dez anos era o 43 por cento. Daquela os monolingües en español eran menos do 20% [email protected] [email protected] (19,5 por cento), agora esa porcentaxe roza o 26%. As persoas que din falar máis galego que español son o 20,3% (6,4 por cento máis que en 2008).

Mocidade

Non é unha novidade que o uso do galego é español non é igual en todas as franxas de idade. O estudo do IGE ven reforzar esa tendencia mais ofrecendo uns dados máis que preocupantes. Un deles, que o 75 por cento dos menores de 15 anos recoñecen que falan sempre ou principalmente o castelán. O que vén ser nunca ou pouco en galego.

Ademais, o 22,7% destas crianzas e adolescentes recoñecen que saben falar “pouco ou nada” en galego. Case un de cada catro menores de 15 anos, logo, apenas saben falar nun dos dous idiomas oficiais do territorio no que viven, no idioma propio dese territorio.

Unha realidade que non é, en absoluto, allea ao ensino e á situación do galego nel. A porcentaxe de estudantes que reciben aulas en galego é do 2,15 por cento. En 2008 era por volta do 15 por cento. Por contra, a porcentaxe de alumnos que reciben as clases principalmente en castelá aumentou neste tempo até ser xa máis do 51 por cento.

Medios de comunicación e lecer

O castelán é o idioma predominante das e dos galegos para ver televisión (80%), ler a prensa impresa (96%) ou escoitar a radio (84 por cento). A isto engádese que só un 4,8 por cento recoñecen ler en galego ou principalmente en galego. En español faino o 58% e máis en castelán que en galego o 37 por cento.

Nas redes sociais menos de 3 de cada 100 internautas optan por navegar “só en galego” ou máis en galego que en castelán. Menos de 3 de cada 100. Son porcentaxes case que residuais, marxinais.

Porén, e como se recolle no propio estudo, a metade das persoas entrevistadas avogan por maior presenza e contidos en galego en diferentes ámbitos (da televisión aos libros, por exemplo).

“Unha evidencia máis do que supón a política lingüística do PP”

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, considera que á luz destes novos dados sobre o galego a Xunta ten que abandonar as políticas lingüísticas que leva anos impulsando e volver ao consenso lingüístico que supoñía o PXNL.

Maceira di que os dados do IGE fan que “fique en evidencia” dunha aposta deste goberno da Xunta de facer unha política de “patadas contra o galego” na que se suman desde incumprimentos (Plan Xeral de Normalización Lingüística) até o ‘decretazo’ do ensino. Asistimos, salienta con preocupación, a estudos e informes que advirten de que “hai unha lingua que desaparece”.

Maceira lembra que mentres hai máis de 500 disposicións legais “que amparan o castelán” apenas as hai para o galego “e as que hai nin sequer se cumpren”. O presidente da MNL tamén sinalou unha cuestión de importancia: que na enquisa despréndese que hai unha parte importante da sociedade que apoia e quere máis contidos e apoio ao galego. “Temos un goberno acantonado na súa política negativa para co idioma mentres que a sociedade mostra compromiso co idioma, moitas veces defendendo e apoiando proxectos e iniciativas para o galego que non contan con ningún soporte nin respaldo institucional”.