ENQUISA DO IGE

Unha de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego

Unha de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego
Manifestación en defensa da lingua. Foto: Galiza Contrainfo
Manifestación en defensa da lingua. Foto: Galiza Contrainfo  
O 23,90% das galegas e galegos de entre 5 e 14 anos non saben falar galego. É un dos datos máis preocupantes dos incluídos na enquisa estrutural a fogares sobre “coñecemento e uso do galego” do Instituto Galego de Estatística publicada este 27 de setembro. O documento, que sae cada cinco anos e fai referencia á realidade de 2018, debuxa un estancamento á baixa da lingua que contrasta coa despreocupación, ás veces mesmo triunfalismo, do Goberno galego ao respecto.

É rechamante que sexa a faixa de menor idade a que presenta menos coñecemento do idioma. Porque ademais se trata de persoas escolarizadas xa co polémico Decreto do Plurilingüismo, a primeira norma lexislativa na historia da Autonomía que reduciu a presenza do galego nas aulas.

Segundo se avanza en idades, caen as porcentaxes de descoñecemento: o 9,84% entre 15 e 29 anos -que se corresponden con promocións anteriores ao retroceso normativo da etapa Feixoo-; o 12,21% entre 30 e 49 anos; o 11,69% entre 50 e 64 anos; o 8,84% de 65 ou máis anos. A media é dun 11,95% de galegas e galegos que saben “pouco ou nada” de galego.

Uso maioritario do galego: o 52,29%
O apartado Uso habitual e inicial do galego amosa con clareza a situación. A porcentaxe de poboación da Galiza que fala sempre en galego é do 30,57%, 0,63% menos que na anterior enquisa hai cinco anos. Se a esta cifra se lle engade aquela xente que afirma falar “máis galego que castelán”, o resultado é que 52,29% da Galiza fala maioritariamente castelán. As turbulencias atópanse ao descender á letra miúda.

Na rapazada de entre 5 e 14 anos, só fala sempre en galego o 14,27%, e un 1,85%, máis galego que castelán. É dicir, o 73,88% da mocidade menor de 15 anos fala sempre en castelán ou máis castelán ca galego.

No que respecta á expresión escrita, o abismo entre galego e castelán resulta inmenso. O 82,11% das persoas na Galiza escriben habitualmente en castelán, só o fan en galego un 16,64%, e un 1,25%, “outras situacións”.

No “ámbito social”
A enquisa debruza tamén os usos da lingua nos ámbitos familiar, social, laboral, educativo e de medios de comunicación. É nestes tramos da mesma en que se poden comprobar a supervivencia de prexuízos e a tan estudada e discutida diglosia.

Ese 52,29% de galegas e galegos que falan sempre galego ou máis galego que castelán mudan a súa escolla se van ao médico: só manteñen a actitude lingüística o 46,1%. Ou se falan co profesorado das fillas e fillos: un 39,29% fálanlle sempre ou máis galego que castelán. Ou se visitan o banco: o 46,66%. Ou no comercio: o 49,41%. Ou na Administración: o 49,67. En troques, cos amigos e amigas non varía: o 52,08% seguen a falar máis galego ou sempre en galego. Así, existe unha significativa, cualitativa e cuantitativamente, diferenza entre os usos privados e públicos.

No mundo do traballo tamén se observan actitudes singulares que van en detrimento do galego. O seu uso descende segundo as persoas falen cos compañeiros e compañeiras, coa clientela ou coas superiores: o 48,18%, o 47,68% e o 42,79%, respectivamente.

É no ámbito familiar no que se rexistran os datos talvez máis positivos para o galego da enquisa. O 44,34% da poboación na Galiza con fillos e fillas “fálalles sempre en galego”, o 31,20% sempre en castelán, o 13,85% máis castelán e o 9,50% máis galego. De volta, a situación cambia, e o 39% das fillas e fillos fálanlles sempre aos pais en galego e o 37% en castelán.

No ensino
No que atinxe ao “ámbito educativo”, afirma que “o 59,57% das persoas que estudan na Galiza recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán”. Entre a poboación de a 16 anos, esa porcentaxe é do 72,72%, e baixa ao 36,03% na poboación de 17 ou máis anos, que recibe o 46,48% das clases en castelán. Estas cifras casan mal co coñecemento do galego entre as persoas menores de 15 anos: unha de cada catro non sabe falar galego.

Os medios de comunicación constitúen un dos campos sociais máis remisos á lingua. A escaseza de oferta condiciona os usos da poboación. Só un 17,65% ve a televisión sempre ou máis en galego que en castelán, fronte a un 55,75% que o fai maioritariamente en castelán e ao 26,60% sempre en castelán. Na radio, as porcentaxes son do 14,26%, 46,72& e 39,02%, respectivamente.

Na prensa en papel e na navegación por Internet, a situación para o galego resulta aínda peor. Só o 1,06% le prensa sempre en galego e un 2,90%, máis en galego que en castelán. Da outra banda, un 36,94% le prensa máis en castelán que en galego e un 59,1, só en castelán. Na Rede, o 1,29% navega sempre en galego, o 3,78%, máis en galego ca en castelán, 25,46% máis en castelán ca en galego, e o 69,47, sempre en castelán. Xa máis en concreto, o espazo das redes sociais resulta un pouco, só un pouco, máis amábel para a lingua: 8,25% úsaas sempre en galego, o 18,03% máis en galego ca en castelán, o 21,65% máis en castelán ca en galego e o 52,07% sempre en castelán.

Xeografía da lingua
O apartado final da enquisa contén cifras que trazan un mapa do uso do galego e que evidencian o mantemento de actitudes e a ausencia de resultados efectivos da política lingüística pública. Nos concellos de máis de 50.000 habitantes -é dicir, as sete cidades-, só nun 5,66 dos fogares todos os seus membros de máis de cinco anos falan só galego. Nos de menos de 10.000, o 45,70%. Nos que van de 10.000 a 20.000, o 19,30% e nos de 20.000 a 50.000, o 19,59.

As áreas con maior uso do galego atópanse na Costa da Morte, un 92,43% fala sempre ou máis galego ca castelán, e nas comarcas de Melide, un 93,14%. Na situación oposta están ás áreas de Vigo, cun 25,5%; da Coruña, cun 33,55%, e a área de Ferrol-Eume-Ortegal, cun 33,75%. a cidade que menos galego fala é Vigo, un 3,85%, e que máis, Lugo, un 21,34%.