PALABRAS CON MEMORIA

Cada cousa no seu tempo, se o ídem o permite

Cada cousa no seu tempo, se o ídem o permite

Amizar.- (Ademais do uso máis coñecido) Conxúgase ao falar do tempo cando este vai de mal para ben. 


Exemplo: “Semella que o tempo amizou un pouco”.

Lugar de escoita.- A zona de Boimorto.

Fonte.- Xosé Luís Rivas-Mini.

Outros apuntamentos.- Sinala a fonte que pode ser un derivado de amizade.

Entangar.- Facer perder o tempo, ocupar.

Exemplo: “Veu o meu tío de visita e entangoume a tarde”.

Lugar de escoita.- Nois(A Mariña luguesa)

Fonte.- Marco Candia.

Deica entramentres.- (Loc.) Xeito de despedida cando se supón que a ausencia vai ser por pouco tempo. 

Exemplo: “Vou nunha carreira á casa e logo volvo, deica entramentres”.

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).

Fonte.- Lucas Rigueira (recollido de Dositeo Fernández).

Mentir unha vaca.- Fálase de que unha vaca mente para dicir que lle pasou o tempo de parir.

Lugar de escoita.- Padrón

Fonte.- Constantino Prego.

Outros apuntamentos.- A fonte non sabe se esta expresión se lle aplica a outras especies animais.

Mornaseira.- Tempo nubrado e inestábel, pero con calor.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Pandigueiro.- Home lendario que no tempo de Nadal baixa dos montes e comproba a fartura dos nenos apalpándolles o bandullo e déixalles castañas contra a fame.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Prepingua.- Adxectivo que fai referencia ao espazo de tempo que transcorre dende que unha femia cumpre o prazo ata que pare.

Lugar de escoita.- Friol (Lugo)

Fonte.- Patricia Penela Devesa.

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo [email protected]aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.