Callón gaña un premio a artigos normalizadores un día antes de renovar presidencia na Mesa


Callón gaña un premio a artigos normalizadores un día antes de renovar presidencia na Mesa

Presentáronse 37 traballos ao certame que organiza o concello de Carballo.

A Mesa pola Normalización Lingüística realiza este sábado pola mañá no Auditorio Municipal de Ourense a Asemblea Xeral, para a que só se presentou unha candidatura á presidencia, que volverá recaer en Carlos Callón, que se rodeará dunha renovada Permanente na que entrarán Susana Méndez (enfermeira), Carlos Outeiro (enxeñeiro) e Paulo Filgueiras (profesor).

Na Asemblea, @s [email protected] á Mesa debaterán sobre os relatorios de xestión e económico do último período, ademais de analizar o orzamento e a liña xeral de actividades para os próximos meses. Carlos Callón salienta que estas actividades vanse centrar “en animar a mobilización social, como no 17 de maio, fronte a uns gobernos, autonómico e central, que atacan a nosa lingua e mesmo dilapidan diñeiro en reduciren os nosos dereitos lingüísticos”

O propio Callón foi noticia este venres ao gañar o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012, dotado con 1.000 euros e a publicación nos once medios de comunicación colaboradores, entre eles Sermos Galiza. “Fai teu o galego” foi o título do seu texto nun certame para o que se presentaron 37 traballos. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit ao artigo «El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi...», da estudante ourensá Alba Cid Fernández.

O xurado do premio concedido polo concello bergantiñán estivo composto por Belén Puñal, xornalista e colaboradora de diversos medios; Marcos Abalde, escritor e gañador da edición 2011 do certame; Pepe Blanco Alborés, técnico de normalización lingüística; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.